Goleada do Villalonga ao Céltiga e derrotas de Ribadumia nun partido tolo e Arosa
Por Ramiro Espiño
Primeiro derbi da tempada e clara vitoria do Villalonga sobre un decepcionante Céltiga. Os de San Pedro golearon ao equipo insular, e fixérono por actitude e intensidade nun partido no que Aarón foi a xogador clave, dentro do bo ton xeral do equipo.
Igualdade case absoluta na primeira parte, cun Céltiga que empezou mellor e puido marcar xa no primeiro minuto. Marcos evitou o duro remate de Nico mandando o balón a corner.
Pero a medida que avanzaban os minutos o dominio inicial dos insulares foi neutralizado polo Villalonga, que tería a ocasión máis clara aos 37 minutos, nun gran remate de Padín, desde o punto de penalti, ao que respondeu de forma sensacional Manu Taboas.
Os de San Pedro volveron ao campo liberados de complexos e tiveron a primeira á saída dun corner (minuto 47). Manu Táboas rexeitou con apuros un duro remate de Hugo. A resposta do Céltiga chegaba das botas de Stefan (minuto 56), cun envelenado remate que buscaba a cepa do poste ao que respondeu Marcos con seguridade.
Estaba a xogar mellor o Villalonga e atopou o premio aos 68 minutos nunha falta afastada que lanzou Rocha, medida o segundo pau, para que Javi elevásese sobre a defensa visitante colocando un sensacional remate de cabeza que entrou pola mesma encadra, imposible para Manu Táboas.
Tentou reaccionar o Céltiga, pero non conseguiu xerar perigo algún. Pola contra, sería o Villalonga quen continuase transmitindo mellores sensacións, especialmente cando conseguía saír con espazos por diante, facendo sufrir a unha incomprensiblemente débil defensa branquivermella, que tiña en Aarón ao seu particular pesadelo.
Precisamente Aarón encargábase de sentenciar o partido e mesmo levalo a unha inesperada goleada. Primeiro cunha vistosa manobra dentro da área para revolverse e colocar o balón xunto ao pau, lonxe de Manu Táboas (minuto 73) e logo para forzar un claro penalti, tras regatear a toda a defensa insular ata ser derrubado por Manu (minuto 79). O claro penalti transformouno Mou, enganando ao meta visitante e pechando o marcador.
Consulta o acta do partido Villalonga-Céltiga nesta ligazón.
Tolemia goleadora na Senra e vitoria do Compostela nun partido sen control que viu sete goles, seis deles logrados en tan só 18 minutos.
Primeira parte de dominio e maiores ocasións para o Compostela, sen acerto no remate, con Primo e Álex Ares como protagonistas. O Ribadumia con todo, tivo a máis clara nas botas de Cerqueiras, que mandou fóra un remate claro desde o punto de penalti, nun balón que quedara solto na área compostelá.
Os comezos da segunda parte foron eléctricos. En apenas dous minutos, o Compostela parecía deixar o partido practicamente sentenciado. Primeiro abría o marcador cun gol de Rubén (minuto 50) ao rematar un centro desde a esquerda, e logo sería Primo o encargado de facer o segundo (minuto 52), aproveitando unha acción desafortunada de Iván Parada, que escorregou ao realizar un saque deixando o balón a Tomás, quen habilitou a Primo para que empuxase a porta baleira.
Pero o Ribadumia reaccionaba pronto e primeiro recortaba distancias (minuto 55) ao rematar Santi, de cabeza, un lanzamento de esquina, para lograr o empate case a continuación (minuto 60), nun balón ás costas da defensa visitante que chega a Hugo Soto, para que resolva ante Lucas.
Lonxe de baixar o ritmo, o partido seguiu absolutamente tolo e o Compostela volvía adiantarse cinco minutos máis tarde por medio de Mon resolvendo un barullo na área, para que o Ribadumia respondese empatando de novo (minuto 68) cun gran gol de Fran Fandiño, que se foi de dous contrarios para colocar o seu remate no segundo pau desde a frontal da área.
Puido adiantarse por primeira vez o Ribadumia, pero o colexiado invalidou o tanto de Hugo Soto (minuto 78) por estimar que se axudou coa man. Ata que cando faltaban cinco minutos para o final o Compostela inclinaba definitivamente o marcador ao seu favor cun gol de Rober, rematando un pase atrasado de Primo.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Compostela nesta ligazón.
Mereceu máis o Arousa en Negreira, pero a falta de puntería lastrou ao equipo de Jorge Otero e custoulle saír derrotado. Un gol de Iván, a falta de 16 minutos para o final decidiu un partido con dúas caras.
Na primeira parte foi mellor o Negreira, aínda que a mellor ocasión foi para Iago Beceiro, mentres que no segundo o xogo e as ocasións foron para os arlequinados, que non estiveron acertados ante a portería contraria.
Consulta o acta do partido Negreira-Arosa nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Primeiro triunfo do Arosa, gaña tamén o Villalonga e caen goleados Céltiga e Ribadumia
Por Redacción |
-
Empates con distinto sabor para Villalonga, Arosa e Ribadumia e derrota do Céltiga en Redondela
Por Redacción |
-
Non arranca o Arosa que empata co Villalonga, derrota do Céltiga e empate a domicilio do Ribadumia
Por Redacción |
-
Sorte dispar para Céltiga, Villalonga e Ribadumia
Por Redacción |
-
A efectividade do Pontevedra imponse a un bo Céltiga (1-3)
Por Ramiro Espiño |
-
Ourense, Negreira, Barco e Barbadás, primeiros rivais de Arosa, Céltiga, Villalonga e Ribadumia
Por Alejandro Espiño |