O Pontevedra recibirá 46.500 euros polos dereitos audiovisuais do fútbol profesional
Por Diego Espiño
A Federación Galega de Fútbol convocou este luns aos clubs galegos de Segunda B, Terceira División, División de Honra Xuvenil e Liga Nacional Xuvenil a unha reunión en Santiago de Compostela para informarlles das cantidades que lles corresponde recibir esta tempada en relación aos dereitos televisivos das ligas profesionais.
Este asunto, que xa motivou a pasada campaña unha ameaza de folga na división de bronce do fútbol nacional, supón para os equipos galegos a percepción de 849.000 euros en total.
É a primeira vez que a Real Federación Española de Fútbol realiza a repartición a través da federación autonómica, con cantidades establecidas no acordo alcanzado da venda centralizada dos dereitos televisivos da liga de Fútbol Profesional.
Cada club de Segunda División B percibirá 44.000 euros, polos 27.500 de cada un dos equipos de Terceira División. Pola súa banda aos clubs con equipos na máxima liga da categoría xuvenil correspóndenlles 6.000 euros, mentres os de Liga Nacional serán compensados con 2.500 euros.
Estas cantidades baséanse na categoría de cada equipo a pasada tempada, polo que o Pontevedra, co seu primeiro equipo en Segunda B e representante na liga Nacional Xuvenil, embolsará 46.500 euros por este concepto.
Nesta repartición tamén se suman as cantidades percibidas por dereitos de televisión polos equipos que participaron na Copa do Rei (27.000 euros para os de Segunda B e 12.000 para o campión da Terceira), segundo explicou a Federación Galega de Fútbol.
Deste xeito, se se manteñen as proporcións, o Pontevedra deberá percibir o próximo curso máis diñeiro da repartición ao contar con representantes en Segunda B, División de Honra Xuvenil e Liga Nacional Xuvenil e tomar parte na Copa do Rei polo seu cuarto posto na liga. Se isto é así os granates serían compensados a próxima tempada 79.500 euros por este concepto.
Outros clubs da comarca beneficiados por este acordo son o Arosa (30.000 euros), Ribadumia (27.500 euros), Villalonga (27.500 euros) e Céltiga (27.500 euros).
Relacionadas:
-
O primeiro partido de liga en Pasarón, a golpe de sábado
Por Redacción |
-
O Pontevedra pecha a pretemporada cunha discreta vitoria en Marcón (0-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra supera con autoridade á UD Ourense (0-3)
Por Redacción |
-
A efectividade do Pontevedra imponse a un bo Céltiga (1-3)
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra camiña con paso firme e resolve con autoridade ante o Estradense (0-4)
Por Ramiro Espiño |