Cos efectivos xustos para recibir ao Ordenes, o Pontevedra afronta unha nova final
Por Ramiro Espiño
Quince xornadas sen perder, a un só punto de distancia do Pontevedra. Esas son as credenciais que presenta un Ordes que acode a Pasarón co obxectivo de manter a súa condición de aspirante a unha das catro primeiras prazas. Lonxe da presión que supón estar obrigados a meterse entre os mellores, o equipo que adestra Nacho e que xoga ao compás que marca no terreo o vello coñecido da afección pontevedresa, o veterano Carlos Padín, conta con dous homes que acumulan nin máis nin menos que 26 dos 37 goles que leva realizados o equipo na tempada, o tamén ex-granate Esteban Capelo, con 10 goles, e o dianteiro Nacho, con 16 dianas, que o converten no terceiro máximo goleador da categoría.
Fronte a eles un Pontevedra obrigado a sumar os tres puntos para recortar diferenzas cos que lle preceden, especialmente despois do tropezo do Deportivo B en Bouzas. Pero un Pontevedra minguado, con ausencias importantes nas súas filas, e no que Milo Abelleira tivo que facer filigranas para completar a lista de convocados.
Tras o último adestramento da semana, realizado na mañá do sábado en Pasarón, non só confirmáronse as baixas xa esperadas de Fran Fandiño, Caco, Sestelo e Richi, se non que á lista se sumou definitivamente Moisés, que segue con fortes dores nas costas como consecuencia do duro golpe recibido no partido fronte ao Bergantiños. Pero os problemas non rematan aí, xa que á superpoboada enfermaría granate se incorporan tamén Nano, cunha inoportuna gripe, e mesmo Iago Paz, que mostra signos de melloría, pero ao que Milo prefire reservar para evitar unha posible recaída.
En total son nada menos que sete as baixas, o que non só condiciona o equipo, se non mesmo os posibles cambios durante o partido, ante a obrigatoriedade de ter en cada momento polo menos sete xogadores con ficha do primeiro equipo sobre o cesped. Unha situación só parcialmente aliviada coa recuperación de Santi Domínguez, que volve ao equipo despois de varias semanas de ausencia por lesión, se ben acusando igualmente os efectos da gripe que arrastrou durante a semana.
Milo só poderá realizar dous cambios de xogadores de campo durante o partido ao non dispoñer de xogadores con ficha do primeiro equipo
Con este panorama, o once inicial que xogue fronte ao Ordes, será o formado por: Lloves; Cristóbal Juncal, Yago Vázquez, Pablo, Adrián; Tubo, Emilio, Jacobo, David Pérez; Santi Domínguez e Stefan, quedando para o banco: Lorenzo, Cristóbal Domínguez, Pacheco, Bruno, Tomás, Javi Pazos e Buba, dos que Milo deberá descartar dous antes do partido, pero que, ao ser unicamente Lorenzo o xogador de banco con ficha do primeiro equipo, o técnico unicamente poderá dispoñer dun máximo de dúas substitucións de xogadores de campo durante o partido.
O choque comezará ás 17:00 horas, con arbitraxe do colexiado Abel Fernández Lodeiro (Santiago), e as peñas do Pontevedra convocaron unha concentración unha hora antes na Praza da Verdura para dende alí dirixirse a Pasarón a animar o equipo nesta nova final de cara a conseguir o obxectivo do play-off.