O Trofeo Princesa de Asturias de piragüismo regresa á ría con máis de 400 deportistas
Por Redacción
Portonovo volverá ser o punto de partida dunha nova edición do Trofeo Princesa de Asturias de piragüismo, que terá lugar na ría de Pontevedra o vindeiro martes 15 de agosto.
O trofeo presentouse este venres no salón de actos da confraría de pescadores de Portonovo coa presenza do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, e o presidente do club Piragüismo Portonovo, Alberto Rodríguez, entre outros.
A competición contará coa presenza de 430 deportistas de 33 clubs distintos de toda España e Portugal, repartidos en 153 embarcacións.
A carreira comezará na praia de Baltar e continuará por Silgar, Punta Festiñanzo, a praia das Canteiras (Combarro) e a punta dique de Praceres, antes de entrar no río Lérez e chegar á meta, que estará situada na ponte do Burgo.
A proba de categorías inferiores terá a súa saída en Combarro. Todas elas comezarán sobre as once e media da mañá.
Desde a organización da proba destacaron a espectacularidade desta proba ao longo de todo o percorrido e especialmente na praia de Silgar, onde se realizará un porteo.
O porteo é unha fase da competición na que os participantes deberán desembarcar da súa piragua e percorrer con ela unha distancia pola area, para volver despois á auga e continuar co percorrido.