A efectividade do Pontevedra imponse a un bo Céltiga (1-3)
Por Ramiro Espiño
Enganoso resultado o que se produciu no Salvador Otero entre Céltiga e Pontevedra. A vitoria granate chegou con xustiza, pero con máis dificultades das que sinala o marcador, fronte a un bo Céltiga que mesmo se permitiu ser mellor que os de Luisito na segunda parte. A efectividade dos visitantes ditou sentenza, con tres goles conseguidos por Adrián León, Mouriño e Carlos Ramos, mentres que para os da Illa marcou Nico.
A pretemporada para os granates entraba con este partido na súa recta final. Restan unicamente os compromisos do próximo fin de semana en Celanova, fronte ao UD Ourense, o sábado, e no Carrasco, fronte ao Marcón o domingo. A pesar diso Luisito non quixo aínda non deixar entrever nada nin remotamente parecido ao que pode ser un equipo inicial para o comezo ligueiro, utilizando a todos os homes dispoñibles e reservando a aqueles outros que arrastran molestias, como son os casos de Álex González, Etxániz, Jorge e Marcos, para non expoñerlles, deixando que realizasen un lixeiro traballo físico antes do partido.
Iso si, o técnico de Teo cambiou o sistema táctico empregado ata agora na maioría dos minutos, dispoñendo o equipo nun 4-4-2. Saíulle ben na primeira parte, na que os granates foron claramente superiores, pero non funcionou na segunda, perdendo a posesión do balón e tendo moitas dificultades para crear xogo e conectar cos homes de arriba.
A efectividade nos primeiros 45 minutos marcaría o partido. O Pontevedra marcou pronto. Fíxoo aos 13 minutos, cando Adrián León aproveitaba un balón solto na área, tras un corner lanzado por Mouriño, para rematar case desde o chan.
Pero o dominio territorial non se convertía en oportunidades de perigo e o Céltiga comezou a crecer, ata que na súa primeira e case única chegada con perigo lograba empatar. Fíxoo nun centro de Marcos, que Nico colocou por raso xunto ao poste, lonxe do alcance de Anxo.
Pero pouco duroulle a alegría aos locais, xa que Mouriño faría o gol da tarde ao transformar de forma maxistral un lanzamento de falta, a nove metros da frontal da área, colocando o balón xunto á cepa do poste despois de salvar a barreira.
Aínda puido conseguir un terceiro tanto o Pontevedra, na mellor xogada combinativa do partido, pouco antes do descanso culminada cun centro de Lezcano que Añón introduciu na portería local. Pareceu facelo co peito, pero o árbitro anulou o tanto por estimar que o remate fora coa man.
Os numerosos cambios introducidos por uns e outros na segunda parte non sentaron nada ben ao Pontevedra e o Céltiga pasou de dominado a dominador. Ben é certo que sen apenas pisar con perigo a área agora defendida por Edu.
Poucas foron as veces que os granates lograron ganduxar máis de tres pases con sentido, limitando as súas aparicións en campo contrario a balóns longos que de cando en cando chegaban ao seu destino.
Iso si, a presión dos puntas sobre a saída de balón do Céltiga creaba problemas e froito dela chegaba o terceiro gol cando Lezcano provoca o erro no despexe de Manu Táboas e Álex Fernández, case desde o centro do campo, cun toque de calidade, colocou o balón dentro da portería local.
Con todo o peixe vendido, o Céltiga, que non deixou de insistir, puido recortar diferenzas na última xogada do partido cando un balón colgado sobre a área granate termina cun empuxón de David Castro a un atacante insular. O árbitro sinala penalti e expulsa ao defensor, pero Edu adiviña a intención de Manu e desvía o seu lanzamento.
CÉLTIGA FC (1): Manu Táboas; Marcos, Xián, Capi, Ángelo, Javi, Manu, Stefan, Eloy, Adrián Camiño e Nico. Tamén xogaron: Emilio, Tato, Carlos Besada, Álex Pena, Rubén Márquez, Uru, Juan, Manuti e Paco Reigosa.
PONTEVEDRA CF (3): Anxo (Edu, minuto 46); Miguel Ángel (David Goldar, minuto 46), Jimmy (David Castro, minuto 46), Mongil (Garrido, minuto 70), Bruno (Juan, minuto 78), Adrián León, Mouriño (Antón, minuto 78), Kevin Presa (Carlos Ramos, minuto 41), Lezcano, Álex Fernández e Añón (Prosi, minuto 49).
Árbitro: Gonzalo Villanueva Carballo (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Miguel Oliveira Dios e Martín Casalderrey Soria. Expulsou con vermella directa o xogador do Pontevedra David Castro (minuto 92). Amoestou a David Añón e Adrián León, no Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 13: Adrián León. (1-1) Minuto 37: Nico. (1-2) Minuto 41: Mouriño. (1-3) Minuto 89: Álex Fernández.
Incidencias: Campo Salvador Otero (A Illa de Arousa). Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
Goleada do Villalonga ao Céltiga e derrotas de Ribadumia nun partido tolo e Arosa
Por Ramiro Espiño |
-
Sorte dispar para Céltiga, Villalonga e Ribadumia
Por Redacción |
-
A polos tres primeiros puntos da tempada en Barreiro
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra ficha ao atacante Iván Martín pero non dá por pechado o plantel
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra recibirá 46.500 euros polos dereitos audiovisuais do fútbol profesional
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra pecha a pretemporada cunha discreta vitoria en Marcón (0-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra supera con autoridade á UD Ourense (0-3)
Por Redacción |
-
A tradicional ofrenda á Virxe Peregrina marca o comezo da tempada granate
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra camiña con paso firme e resolve con autoridade ante o Estradense (0-4)
Por Ramiro Espiño |
-
Golazos da canteira na vitoria do Pontevedra sobre o Porriño (2-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Dous erros defensivos condenan un digno Pontevedra ante o Sporting de Gijón (1-3)
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra derrota a Coruxo e Arosa e adxudícase o XLVIII Trofeo Carneiro ao Espeto
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |