Alexis Viéitez, Nonito Gómez e Manuel Senra, principais atractivos da Subida a Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas acolle esta fin de semana a segunda edición da Subida a Ponte Caldelas, proba puntuable no Campionato Galego de Montaña e que xa se ten convertido nunha das citas de referencia, despois da súa estrea o ano pasado cun récord de asistencia de 7.000 espectadores.
No deportivo, o éxito xa está garantido pois confírmase a participación de Nonito Gómez, o segundo piloto máis laureado do Galego de Montaña que escolleu Ponte Caldelas para volver á competición tras permanecer afastado por mor do accidente que sufriu en 2012.
Ademais, estará en Ponte Caldelas Manuel Senra, o piloto máis célebre de Galicia e o único en ter gañado unha proba do Europeo de Rallycross. Con eles volverá estar Alexis Viéitez, gañador do ano pasado.
O acto de presentación celebrouse no Concello en presenza do alcalde, Andrés Díaz, acompañado dos pilotos Nonito Gómez, Diego Rodríguez, Steven Pregal, Adrián Sabajanes, Jorge Ampudia e Marcos Díaz, copiloto de José Manuel Baqueiro. Tamén asistiu Noemí Blas, presidenta de BuXa Motor, escudería organizadora.
Un dos principais atractivos da Subida de Ponte Caldelas son as facilidades para gozar do espectáculo. A saída e concentración dos vehículos sitúase en pleno centro urbano, ao comezo da estrada PO-234 que sobe ata Portasouto cruzando Laxoso.
Alí mesmo, a escasos metros, hai facilidades de aparcamento ao longo do paseo fluvial da Calzada e unha finca habilitada para a ocasión. En caso necesario, tamén pódese deixar o coche en Chan da Barcia ou no aparcamento habilitado a carón do Concello.
O trazado ten 3,9 quilómetros e aproveita o sinuoso percorrido de Laxoso, onde hai tamén dúas zonas moi rápidas, nas que se colocan unhas chicáns para comprobar a destreza dos pilotos e incrementar o espectáculo, unha circunstancia única en todo o campionato galego e que xa é un dos sinais de identidade do trazado caldelán.
As inscricións xa están pechadas cun total de 50 pilotos.
O parque pechado ábrese dende as 9.30 horas do sábado na avenida de Galicia, fronte ao Concello, dando así a posibilidade de achegarse aos vehículos, aos mecánicos e pilotos.
A primeira manga, de adestramento, comeza ás 15.30 horas do sábado e, a continuación as restantes durante toda a tarde. O domingo, os motores comezan a ruxir ás 9.30 para tratar de baixar tempos. A entrega de premios terá lugar na Alameda de Ponte Caldelas ás 17.00 horas.
No que atinxe ao propiamente deportivo, na categoría de non carrozados, estarán Alexis Viéitez (actual campión de montaña), Jesús Pombo, Pablo Rey e o pontevedrés Jacobo Sobral, que vén de sufrir un percance na última carreira e apura a reparación do coche.
En carrozados estará Manolo Senra, que terá como rivais a pilotos tan coñecidos como Víctor Magariños, Jaime Castro ou Tino Iglesias. Xunto a eles, Miguel Garcia, Víctor Pardeiro, Antonio Bermúdez, Rubén Blanco e Roberto Barreiro.
A Subida de Ponte Caldelas volve cumprir coa tradición de render homenaxe a una figura destacada do motor galego. A estrea do ano pasado contou coa presenza de Alberto Camba, xa retirado, pero que estivo presente toda a fin de semana.
Desta volta homenaxearase a Nonito Gómez. O piloto de Celanova, cinco veces campión de Galicia de Montaña, leva cinco anos afastado da competición. Volve á adrenalina aos mandos dun Citroen AX. É unha volta que está a xerar a máxima expectación entre os bos afeccionados, e que confirma a categoría da cita caldelá.
Relacionadas:
-
Alexis Viéitez repite triunfo na Subida a Ponte Caldelas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Desde Ponte Caldelas ata o Campionato de España de Rallyes
Por Redacción |
-
A Subida a Ponte Caldelas terá segunda edición en agosto
Por Redacción |
-
Alexis Viéitez, vencedor da I Subida a Ponte Caldelas
Por Redacción |