Golazos da canteira na vitoria do Pontevedra sobre o Porriño (2-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Dous xogadores da canteira, Antón e Lezcano, foron protagonistas con dous auténticos golazos na vitoria do Pontevedra sobre o Porriño Industrial. O partido amigable, disputado no campo de Burgáns de Cambados con motivo das festas do Albariño, deixou detalles interesantes por parte dos granates, fronte a un rival de Rexional Preferente, pero infestado de homes con calidade e experiencia nas súas filas que lle sitúan como claro favorito ao ascenso a Terceira.
Luisito optou por dar máis cantidade de minutos aos seus xogadores, facéndolles disputar máis dunha hora de xogo aos que formaron no once inicial, situación que seguramente investirá no segundo amigable do fin de semana a xogar este domingo (20:00 horas) na Estrada, fronte ao Estradense, que se espera de maior esixencia.
Deste xeito, coas ausencias de Álex González, Prosi e Etxániz, que arrastran lixeiros problemas físicos, o técnico de Teo formou un equipo con Anxo, Juan, Jimmy, Garrido, Álex Fernández, Kevin Presa, Antón, Mouriño, Marcos Álvarez, Carlos Ramos e Lezcano. David Añón entraría ao comezo do segundo tempo, para realizar logo sete cambios xuntos, aos 65 minutos, entrando no campo David Castro, Goldar, Jorge, Mongil, Adrián León, Miguel Ángel e Bruno, sendo Anxo, Álex Fernández e Lezcano os únicos que disputaron os 90 minutos.
Aínda que a superioridade granate foi clara, o Porriño tivo unha boa ocasión para adiantarse no marcador aos 19 minutos, cun excelente disparo de Raúl Espinosa, ao que respondería Anxo nunha gran intervención mandando o balón a corner.
Os porriñeses, con xogadores veteranos e con oficio nas súas filas como Alberto García e Antúnez (exCoruxo), Carlos Campo e Claudio Giráldez (exgranates) ou Fonseca (exCultural Areas), entre outros puxeron as cousas difíciles a un Pontevedra que a primeira que tivo materializouna de forma brilllante, cunha gran manobra do canteirán Antón, colocando o balón na mesma escuadra, nun excelente disparo á media volta, cando apenas se superou a media hora de partido.
Case a continuación Lezcano estivo a piques de conseguir o segundo, nunha boa acción individual na que se marchou de tres defensas, pero o seu disparo saíu excesivamente cruzado, moi preto do poste.
A segunda parte foi de maior superioridade granate, con ocasións para Carlos Ramos, por dúas veces, antes de que Lezcano rematase de cabeza un bo centro de David Añón, para facer o 2-0, aos 70 minutos.
Puido ampliar a renda o Pontevedra, pero Lezcano, Jorge e Miguel Ángel non acertaron en claras ocasións, como tampouco o fixo na última xogada do partido Álex Fernández, que mandou un balón ao poste.
Foi, en definitiva, un partido no que os máis novos reclamaron a súa cota de protagonismo, rendendo a un bo nivel, non só os goleadores, Antón e Lezcano, senón tamén o lateral Juan, que fixo un excelente labor, do mesmo xeito que Garrido.
Relacionadas:
-
O Pontevedra pecha a pretemporada cunha discreta vitoria en Marcón (0-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra supera con autoridade á UD Ourense (0-3)
Por Redacción |
-
A tradicional ofrenda á Virxe Peregrina marca o comezo da tempada granate
Por Ramiro Espiño |
-
A efectividade do Pontevedra imponse a un bo Céltiga (1-3)
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra camiña con paso firme e resolve con autoridade ante o Estradense (0-4)
Por Ramiro Espiño |
-
Dous erros defensivos condenan un digno Pontevedra ante o Sporting de Gijón (1-3)
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra derrota a Coruxo e Arosa e adxudícase o XLVIII Trofeo Carneiro ao Espeto
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Gimnástica Segoviana a domicilio, primeiro rival do Pontevedra na Copa do Rei
Por Ramiro Espiño |
-
Celta B, Bouzas e Cerceda, arranque galego para o Pontevedra nun novo ano na Segunda B
Por Alejandro Espiño |
-
Demasiado Deportivo para un voluntarioso pero verde Pontevedra no Luís Otero (0-5)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |