Douscentos nadadores cruzarán o litoral de Raxó na II Travesía a Nado
Por Alejandro Espiño
Tras o éxito da anterior edición, Raxó repite como sede da II Travesía a Nado, unha proba popular que reunirá este domingo 6 de agosto douscentos nadadores, que percorrerán por mar o litoral da parroquia.
A proba, organizada polo Club Tríatlon Poio, comezará ás once da mañá coa proba absoluta, na que están inscritos 147 nadadores. Partirá da praia de Xiorto e, seguindo toda a costa, chegará ata As Sinás e regresará ao areal. En total, serán 2.000 metros de percorrido a nado.
Na travesía tamén participarán 25 nadadores de categoría cadete e 27 de categoría alevín. Estes últimos percorrerán 150 metros a nado e os cadetes nadarán 500 metros.
Todos os percorridos desta proba estarán debidamente balizados. Haberá, ademais, aparcadoiros habilitados para acceder a Raxó.
A concelleira de Deportes, Marga Caldas, lembrou a "importante" acollida que esta travesía a nado tivo o pasado ano, unha proba que causou un "forte impacto económico" en Raxó ao atraer a un milleiro de persoas, entre público e participantes.
Pola súa banda, os representantes da organización, Carlos Sánchez e Anxo Agís, destacaron a espectacularidade desta travesía a nado que, debido ao percorrido elixido, poderá ser contemplada desde calquera punto da baía de Raxó.
Ambos agradeceron a "implicación" de todo o sector hostaleiro da parroquia, que colabora "de forma activa" nesta proba deportiva.