Francisco Javier Iglesias (Super Froiz), campión galego de ciclismo na categoría master-40
Por Redacción
Un corredor do Supermercados Froiz, Francisco Javier Iglesias, proclamouse este domingo campión galego de ciclismo de estrada, na categoría master-40, nunha proba disputada en Tui.
Esta cita organizada polo Club Ciclista De La Fuente e a Federación Galega de Ciclismo disputouse sobre un percorrido de 84 quilómetros para os masters-30 e 40, e de 52,5 para os 50 e 60. Participaron preto de 150 corredores.
A carreira comezou no paseo de A Corredoira en Tui, onde finalizou a proba despois de tamén transitar polas estradas do Rosal e de Tomiño.
Catro ciclistas chegaron ao treito final da proba con máis dun minuto de vantaxe tras abandonar o gran grupo á altura do quilómetro 60. Este cuarteto formárono o máster-40 Francisco Javier Iglesias e tres masters-30: Alejandro Magallanes, Alejandro Paleo (Gráficas Lar) e Rubén Fernández (Norinver).
Co título da súa categoría no peto, Iglesias cedeu no desenlace da carreira e os tres máster-30 xogáronse a vitoria ao sprint. O vigués Magallanes foi o máis rápido e cruzou a liña de meta en primeira posición.
A 48 segundos dos tres primeiros chegou o gañador máster-40 Iglesias e a 1:14 fíxoo o gran grupo no que Rubén Rodríguez (Colloto) adxudicouse a segunda praza dos máster-40 e Moisés Leboso (10 G.D.), a terceira.