A carreira popular +10 Marín estrea gañadores: Antonio Serrat e Joselyn Brea
Por Redacción & Diego Torrado
Gran noite de atletismo a que se viviu este sábado en Marín. A carreira popular +10 Marín deixou grandes doses de emoción, especialmente na proba masculina, onde Antonio Serrat levou a vitoria nos últimos metros. Máis clara foi a vitoria da atleta venezolana Joselyn Brea na proba feminina.
Un total de 714 atletas tomaron a saída nesta proba nocturna e o máis rápido de todos eles foi Antonio Serrat. O triatleta vigués superou nos últimos metros a Manuel Hurtado, o representante da Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
Os dez quilómetros do circuíto foron o escenario dunha batalla sen cuartel entre Serrat e Hurtado, dous dos grandes favoritos desde o inicio da carreira.
Catro corredores distanciáronse na cabeza tras o primeiro paso por dentro das instalacións da Escola Naval Militar. Serrat, Hurtado, Amadeo Abal e Rubén Pereira abriron oco respecto doutro cuarteto perseguidor, pero pronto se converteu nun man a man entre os dous primeiros.
Hurtado non se escondeu en ningún momento e asumiu a batuta, pero Serrat optou por agardar o seu momento. Tras algún intento anterior, un cambio de ritmo encarando a recta final e aproveitando a velocidade que traía da última baixada, fíxolle gañar cun tempo de 32:00, sete segundos menos que Hurtado. O podio completouno Abal (33:03)
Non houbo que esperar tanto para despexar a incógnita de quen ía ser a gañadora feminina. Joselyn Brea marcou a pauta desde o principio. A venezolana, outra debutante nesta proba, impúxose cun crono de 33:42, avantaxando en 2:26 á súa irmá Edymar Brea. O dominio das triatletas foi absoluto e a ferrolá Camila Alonso concluíu terceira.
A nocturna de dez quilómetros foi o prato forte nunha completa xornada de atletismo e festa en Marín. O programa de competición abriuse coas carreiras das categorías inferiores, cunha espectacular resposta en canto á participación e tamén ao nivel demostrado polas promesas deste deporte.
Unha delas, Carolina Santos, bateu o récord autonómico infantil na distancia do quilómetro urbano.