O Somozas examina a fiabilidade do Pontevedra
Por Diego Espiño
Duro exame para o Pontevedra en Pasarón (domingo, 17:00 horas) ante un Somozas que protagonizou un bo inicio de competición.
Será o primeiro dos dous encontros consecutivos que disputarán os granates no seu estadio e que calibrarán as súas opcións de permanecer nos postos altos da clasificación.
Lloves apunta a recuperar a titularidade na portaría
Milo Abelleira non poderá contar con Richi, que non se recuperou dun golpe sufrido no Luis Otero ante o Deportivo, pero si con Jacobo, que superou as molestias que arrastraba no xeonllo. Non obstante, a gran novidade no once inicial pode ser a volta de Sergio Lloves á portaría, devolvendo a un Lorenzo, que non estivo moi afortunado dende o seu regreso á titularidade, ao banco.
Para Milo, a boa imaxe do Pontevedra o pasado xoves ante un equipo de Primeira División debe servir como acicate ao equipo despois do irregular comezo de liga, "puede que físicamente nos pase algo de factura, pero en lo moral nos tiene que reforzar. Es el camino que tenemos que seguir, no dar las facilidades que estábamos dando".
O Somozas, segundo o técnico lerezano, será un rival moi complicado de bater, "es uno de los equipos con más velocidad en el medio campo. Trabajan muy bien el contraataque, con gente muy rápida en las bandas y unos mediapuntas con mucha llegada". A esta definición do bloque dirixido por Míchel Alonso hai que sumar o perigo a balón parado cun lanzador como David Franch, "conocemos ese peligro, trabajan muy bien la estrategia en ataque y en defensa y ya han metido un par de goles así".
Os coruñeses, que xa lograron un empate en Pasarón a pasada tempada, conta nas súas filas con tres ex granates: Pablo Berros, Álex Bao e Suso.