Notable estrea dos piragüistas pontevedreses no Mundial junior e sub-23 de Romanía
Por Alejandro Espiño
Non foron nada mal as cousas para a representación pontevedresa no campionato do mundo de piragüismo que, nas categorías junior e sub-23, están a disputarse desde este xoves na localidade de Pitesti (Romanía). De feito, varios dos nosos padeeiros clasificáronse xa para as súas respectivas finais tras o primeiro día de competición.
A primeira en logralo foi Carolina García (E.P. Cidade de Pontevedra), que pasou directamente á final na proba junior de K-4 500 metros, tras vencer a súa serie cun tempo de 01:42.640. A pontevedresa comparte embarcación con outra galega, Carla Frieiro (As Torres Romería Vikinga), coa valenciana Bárbara Pardo e coa mallorquina Aida Bauzá.
David Barreiro (Náutico Rodeira) fixo o propio na proba junior de C-1 1.000, aínda que necesitou dúas carreiras. Tras quedar segundo na súa serie, a praza na final outorgoulla o seu triunfo na semifinal, na que cun tempo de 04:11.924 foi segundo e medio máis rápido que o brasileiro Jacky Goodman.
Luís Rodríguez (Piragüismo Portonovo) clasificouse para a final do K-2 1.000 metros junior, xunto co seu compañeiro, o asturiano Pablo Roza, tras ser terceiros na súa serie e ocupar a mesma praza na semifinal, onde cruzaron a liña de meta en 03:33.080, seis décimas de segundo antes que a parella neozelandesa.
Noel Domínguez (Breogán do Grove), que compite con Pablo Graña (Náutico Rodeira) no C-2 1.000 metros junior, optará ás medallas tras clasificarse para a final co terceiro mellor tempo da súa semifinal, 04:03.412. Foron un segundo máis rápido que a parella romanesa, a primeira que quedou fóra da loita polas medallas.
Tamén estarán na final, no seu caso no K-1 1.000 junior, Marta Iglesias (Club de Mar Ría de Aldán), que quedou segunda na súa semifinal cun tempo de 04:21.476; e o K-4 500 metros sub-23 composto por Natalia García (Breogán do Grove) e Camila Morison (Náutico Pontecesures), a catalá Laia Pelach e a asturiana Miriam Vega, segundas na súa serie cun tempo de 01:37.416.
Pola súa banda, a arousá María Pérez (Náutico O Muíño) non poderá loitar polas medallas e terase que conformar con participar na final B na proba junior de C-1 500.
Relacionadas:
-
Un ouro e dúas pratas, colleita pontevedresa na última xornada do Mundial junior e sub-23 de piragüismo
Por Redacción |
-
Carolina García e Carla Frieiro, prata en K-4 500 metros no Mundial júnior de piragüismo
Por Redacción |
-
Tres novos barcos pontevedreses, ás finais do Europeo junior e sub-23 de piragüismo
Por Redacción |
-
Recepción municipal ao Piragüismo Verducido tras "unha tempada brillante"
Por Redacción |
-
Un sexto posto no C-1 200 pecha a participación de Adrián Sieiro no Europeo
Por Redacción |
-
Esforzo sen recompensa para Adrián Sieiro e Sergio Vallejo na final europea de C-2 1.000
Por Redacción |