Lucía Vázquez, terceira no descenso urbano de Sarria
Por Redacción
Unha vez máis, Lucía Vázquez demostrou a súa versatilidade sobre a bicicleta. Fíxoo no descenso urbano Vila de Sarria, disputado na localidade lucense.
Nunha modalidade na que conta con escasa experiencia, a vilaboense conseguiu subir ao podio. Fíxoo para recoller o premio como terceira clasificada, tras quedar a cinco milésimas da segunda, nunha proba que dominou Eva Castro (School Riders).
A biker do ProRebordosa marcou un rexistro de 02:05,697, finalizando moi preto do rexistro asinado por Fany Cabarcos (BDM) e a 8 segundos de Castro.
"Despois de toda a fin de semana adestrando, cheguei á carreira con algo de fatiga e a segunda manga custoume moito. Pero logrei un posto de podio e con iso confórmome. Estou moi contenta", valorou Vázquez.
Á marxe do resultado, a corredora de Vilaboa destaca a sensacional experiencia vivida en terras lucenses: "Foi xenial e había un ambientazo con moita xente en Sarria. O circuíto era espectacular con moitos módulos de madeira por todo o percorrido, con saltos e dubbies".
Aínda que coñecía este evento como espectadora, esta participación foi a primeira de Vázquez nesta cita do calendario autonómico.
"Non é a miña especialidade e os saltos sempre me deron medo. Estiven toda a fin de semana probando e ao final conseguín facer case todo o percorrido. Iso foi o que máis me alegrou. Sigo aprendendo moito", explicou.
O seu reencontro co descenso urbano chegará o 13 de agosto en Vigo coa disputa do Marisquiño.
Relacionadas:
-
Lucía Vázquez, segunda na Copa de Portugal XCM tras o seu bo resultado en Seia
Por Redacción |
-
Lucía Vázquez e Mauro González reinan no espectáculo do BTT 'Eliminator'
Por Redacción |
-
Lucía Vázquez e Manuel Parada, vencedores no Open Galicia de XCO de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Undécimo título galego de XCO para Lucía Vázquez
Por Redacción |