Celta B, Bouzas e Cerceda, arranque galego para o Pontevedra nun novo ano na Segunda B
Por Alejandro Espiño
Ás veces, o calendario é caprichoso. Como este ano. O Pontevedra terá un arranque atípico na súa nova tempada, a terceira consecutiva, na Segunda B do fútbol español. Non sairá de Galicia durante o primeiro mes de competición. Non será ata o 17 de setembro, na quinta xornada, cando cruce máis aló do Padornelo.
E é que o sorteo celebrado este mércores na sede da Real Federación Española de Fútbol determinou que o Pontevedra inicie a liga con tres derbis. O debut do novo proxecto granate será o 20 de agosto en Barreiro, ante o Celta B.
Pasarón recibirá ao seu primeiro rival unha semana despois, o 27 de agosto. Será o Rápido de Bouzas, equipo recentemente ascendido de Terceira. Tamén o é -aínda que pola vía administrativa- o Cerceda, localidade coruñesa á que o Pontevedra viaxará o 3 de setembro.
O Toledo, un dos firmes candidatos ao playoff de ascenso, chegará a Pontevedra na cuarta xornada, o 10 de setembro, e os homes de Luisito viaxarán a Fuenlabrada, o seu primeiro desprazamento fóra de Galicia, o 17 de setembro.
Non serán Toledo e Fuenlabrada os únicos favoritos ao ascenso aos que se enfrontará o Pontevedra no primeiro tramo de liga. Xa na sétima xornada chegará o derbi co Rácing de Ferrol, na cidade departamental o 1 de outubro; mentres que o Real Madrid B visitará Pasarón a semana seguinte, o 8 de outubro.
Ponferradina, equipo ao que visitará o Pontevedra o 29 de outubro (xornada 11), será outra das grandes citas como tamén os outros dous derbis, co Coruxo e o Deportivo B, ambos os dous primeiro en Pasarón o 22 de outubro (xornada 10) e o 1 de novembro (xornada 12).
O equipo granate poñerá fin á primeira volta tamén en casa, contra o Atlético de Madrid B (17 de decembro), conxunto co que despedirá a liga na capital de España o 13 de maio.