Jorge Pedrosa asiste a unha reunión con accionistas minoritarios e peñas do Pontevedra
Por Redacción
Non era o mellor día para garantir unha asistencia nutrida. Xogaba España o seu transcendental partido contra Francia, e non obstante a convocatoria de APAG-Granavedra e a peña Furya Granate dunha segunda asemblea aberta para afeccionados, socios e accionistas do Pontevedra, co obxecto de seguir preparando a Xunta de Accionistas do próximo 15 de abril, foi todo un éxito.
Arredor de medio centenar de persoas déronse cita o martes, ás 21:00 horas, na Cafetaría Avalon, na rúa Santa Clara e o seu interese viuse dobremente recompensado ao recibir a visita inesperada de Jorge Pedrosa, despois de anunciar a súa intención de optar á presidencia da entidade granate.
Tanto os organizadores da reunión coma os asistentes quedaron moi satisfeitos do exposto por Pedrosa, que fixo públicos datos sobre a situación da sociedade, especialmente preocupantes en caso de confirmarse, pois falou de que na próxima Xunta se presentarán unhas perdas de 188.000 euros, o que poñería en serias dúbidas a eficacia na xestión económica do actual consello e do seu presidente, quen se ocupa persoal e case en exclusiva da devandita parcela.
Pedrosa tamén citou a distribución das novas porcentaxes accionariais tras a ampliación de capital na que Nino Mirón perderá a súa maioría, aínda que seguirá sendo o principal accionista, se ben cunha redución da súa porcentaxe a menos do 25% do capital, quedando logo un grupo importante de accionistas que se repartirán porcentaxes significativas, aínda que insuficientes para gobernar a sociedade en solitario.
Jorge Pedrosa: "Encontreime moita xente pola rúa en contra do actual presidente, pero a favor non me encontrei a ninguén"
Nun ambiente distendido e moi próximo cos afeccionados presentes, Jorge Pedrosa insistiu na súa idea de rebaixar os prezos tanto das localidades coma dos socios, e foi crítico coa imaxe do actual presidente, Mauricio Rodríguez, de quen dixo: "Encontreime moita xente pola rúa en contra do actual presidente, pero a favor non me encontrei a ninguén".
Ao termo da reunión a opinión case unánime dos asistentes era de apoio á candidatura de Pedrosa, a quen animaron a concretala na próxima Xunta.
Estes grupos de afeccionados manterán aínda unha terceira reunión preparatoria, prevista para o próximo xoves, día 4 de abril, no mesmo lugar. Ademais, co obxecto de apoiar ao equipo na recta final de liga, o domingo, ás 4 da tarde, unha hora antes da prevista para o comezo do partido entre Pontevedra e Ordes, concentraranse na Praza da Verdura, para dende alí dirixirse xuntos cara ao estadio de Pasarón.