Demasiado Deportivo para un voluntarioso pero verde Pontevedra no Luís Otero (0-5)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Demasiado pronto chegaba nesta ocasión o Luís Otero para un Pontevedra con pouca rodaxe e necesitado do axuste que requiren as súas numerosas novas pezas. O Deportivo impuxo a lóxica da súa superior calidade, pero especialmente o superior ritmo de xogo de quen ten nas súas botas maior traballo acumulado.
Os de Luisito saíron sen complexos, expoñendo sobre o cesped que as súas ideas son tratar o balón con agarimo e mesmo risco na iniciación da xogada, pero cometeron erros que ante un equipo superior como o Deportivo páganse. Case o fixo Bruno, cun despexe curto que non aproveitou Andone.
Eran os primeiros compases dun partido que rompeu demasiado pronto. Mentres aos granates custáballes chegar, os herculinos facíano en canto metían unha velocidade superior. Así chegou o gol que abría o marcador. Andone foise en vertical pero centrou tan mal que mesmo lle custou pouco despois ter que retirarse lesionado. O balón chegou sen aparentes problemas a David Castro, que errou no despexe e deixouno morto para que Fede Cartabia fusilase a Edu desde moi preto.
Co marcador pareceron agrandarse as diferenzas. Mentres os locais non lograban atopar a un activo e batallador Etxániz, o Deportivo atopou na rapidez de Bakkali, substituto do lesionado Andone, un filón para facer sufrir á nerviosa defensa granate, a pesar de que as ocasións claras non abundaban. Tívoa o Pontevedra á saída dun corner, sen acerto final, e ampliou vantaxe o equipo de Pepe Mel nunha acción de Bakkali, que rompeu a Goldar, tras arrincar dunha posición que reclamou a zaga, e bater a Edu con tranquilidade.
Kevin Presa tentou poñer un pouco de orde na zona ancha e conseguiu taponar o buraco que tiña o seu equipo na zona de creación, pero non foi suficiente para que os seus atopasen a forma de pisar a área herculina.
A segunda parte comezou de forma moi parecida á primeira. Mentres Pepe Mel mantiña o mesmo once, Luisito realizaba seis substitucións. Os granates gañaban presenza física e atrevíanse máis, pero de novo un temperán erro defensivo era aproveitado polo Deportivo para ampliar a brecha no marcador. Fede Valverde roubou unha cesión atrasada e serviu para que Bakkali marcase a porta baleira.
Concientes de que o marcador non contaba, os granates non lle perderon a cara ao partido e puideron recortar distancia nunha gran xogada de Álex González, que se foi de Juanfran e púxoa en bandexa a Prosi, quen non acertou a marcar, rematando desviado.
Superado o minuto 70 Pepe Mel decidiu renovar o seu equipo realizando oito substitucións de golpe, aplicando máis ritmo aínda ás transicións, o que lle permitiu castigar o "atrevemento" local, nunha ocasión do xuvenil Lezcano, para realizar unha contra fulminante na que Bruno Gama foi o asistente e Borja Valle o eficaz rematador.
O propio Bruno Gama conseguía o mellor gol do partido pouco despois, cun remate cruzado por alto desde a frontal, o que terminou de afundir aos locais, atafegados por un Deportivo que se tomou o partido moi en serio, ata o punto de seguir apertando ata o final en busca de aumentar o marcador.
Aínda que sería aventurado e posiblemente inxusto extraer conclusións, o certo é que a goleada non impediu que se puidesen ver apuntamentos interesantes, tanto individuais como colectivos, nun Pontevedra por facer.
PONTEVEDRA C.F. (0): Edu; Miguel, Goldar, Bruno, David Castro; Kevin Presa, Álex Fernández; David Añón, Mouriño, Álex González; e Etxániz. Tamén xogaron: Anxo, Jimmy, Adrián León, Carlos Ramos, Víctor Mongil, Jorge Hernández, Prosi, Lezcano e Garrido.
R.C. DEPORTIVO (5): Rubén; Juanfran, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro; Guilherme, Pedro Mosquera; Fede Cartabia, Fede Valverde, Bruno Gama; e Andone. Tamén xogaron: Bakkali, Albentosa, Colak, Gerard, Bicho, Borja Valle, Celso, Edu Expósito e Schar.
Árbitro: José Antonio Fernández Rodríguez (Ourense), auxiliado nas bandas por Cristian Vázquez Martínez e Rubén Pérez Martínez. Non houbo amoestados.
Goles: (0-1) Minuto 10: Fede Cartabia. (0-2) Minuto 35: Bakkali. (0-3) Minuto 52: Bakkali. (0-4) Minuto 78: Borja Valle. (0-5) Minuto 81: Bruno Gama.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.800 espectadores. LVIII Trofeo Luís Otero.
Relacionadas:
-
Golazos da canteira na vitoria do Pontevedra sobre o Porriño (2-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Dous erros defensivos condenan un digno Pontevedra ante o Sporting de Gijón (1-3)
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
Sporting de Gijón, un rival de altura en Pasarón para o torneo Ciudad de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Pontevedra derrota a Coruxo e Arosa e adxudícase o XLVIII Trofeo Carneiro ao Espeto
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Gimnástica Segoviana a domicilio, primeiro rival do Pontevedra na Copa do Rei
Por Ramiro Espiño |
-
Celta B, Bouzas e Cerceda, arranque galego para o Pontevedra nun novo ano na Segunda B
Por Alejandro Espiño |
-
O clásico do verán enfronta a Pontevedra e Deportivo na posta de longo granate
Por Ramiro Espiño |
-
O LVIII Trofeo Luís Otero ante o Deportivo, primeira ocasión para ver en acción ao Pontevedra 2017/2018
Por Diego Espiño |
-
O Sporting de Xixón, segundo prato forte na pretempada do Pontevedra
Por Redacción |
-
O Pontevedra, a un paso de pechar o seu plantel coa incorporación de Diego Álvarez 'Prosi'
Por Alejandro Espiño |