Ponte Caldelas será sede dunha proba do circuíto europeo de wall paddleball
Por Redacción
A pista de padel de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, acollerá o próximo 5 de agosto unha das probas dos Europeos de WallPaddleball, unha especialidade deportiva moi practicada en Estados Unidos e Porto Rico e pouco coñecida en Europa.
Ten o seu epicentro de actividade en Pontevedra, baixo o impulso da Asociación Galega de Wallball e Paddleball (AGWP) que dirixe o pontevedrés Jaime Blanco Dios.
O torneo, que conta co patrocinio do Concello de Ponte Caldelas, axudará a converter esta pista nunha referencia dun deporte, mestura de padel e frontón, que vai gañando adeptos.
A competición celebrarase nas modalidades de dobres, tanto masculino, como feminino, mixtos e xuvenís de ambos os dous sexos.
A AGWP naceu en 2014 en Pontevedra e dá cobertura aos practicantes das especialidades de paddelball (con pa), raquetball (con raqueta), wallball (coa man), así como as de paleta (tanto arxentina como de frontón). Todas elas xóganse en pistas dotadas dende unha a catro paredes.
A día de hoxe a asociación está formada por unha ducia de xogadores sénior,xuvenís e infantís e practica habitualmente a modalidade dunha parede nas instalación do colexio de Campañó, en Pontevedra, que nos últimos anos acolleu as competicións de rango europeo.
Só en Chan da Barcia, sinalan desde Ponte Caldelas, é posible practicar a modalidade de tres paredes cos requisitos esixidos.