Okutu revalida en Barcelona o seu título de campión de España de salto de lonxitude
Por Redacción
Unha vez máis, e xa van cinco, o marinense Jean Marie Okutu proclamouse campión de España de salto de lonxitude. Fíxoo este domingo durante o campionato nacional ao aire libre que se disputou no estadio municipal de atletismo Joan Serrahima (Barcelona).
O atleta do FC Barcelona colgou a medalla de ouro grazas a un salto de 7.54 metros. Foi nun concurso moi emocionante, xa que a marca que lle valeu o triunfo logrouna no seu último salto.
Tras liderar case toda a proba cun salto de 7.44 metros, Sergio Ripoda e José Luis Fernández chegaron a 7.46 e 7.45 metros respectivamente na quinta rolda. obrigando a Okutu a esforzarse ao máximo. Tras un salto nulo e outro que chegou a 7.40, o de Marín pechou o concurso co salto que lle deu o triunfo.
Con respecto aos atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, o mellor resultado obtívoo o saltador Lysvanys Pérez, que quedou quinto na final de altura -cuarto se se exclúe ao venezolano Eure Yáñez, que participaba como convidado-. Saltou á primeira a barreira dos 2.05 e os 2.09 metros e necesitou dous intentos sobre 2.13. Non puido superar despois os 2.17.
Unha das grandes esperanzas do club pontevedrés, Alberto Salcedo, non puido completar o seu bo arranque nos 200 metros. Entrou último na final, á que chegou co quinto mellor tempo, por problemas físicos. Gañara a súa serie cun tempo de 21.26, que recortou ata os 21.20 na súa semifinal, na que foi segundo.
Notable foi tamén a participación de Ignacio Sarmiento nos 400 metros valas. Asinou a súa mellor marca persoal para quedar cuarto na súa semifinal con 52.16. Paso á final co sexto mellor tempo e nela volveu bater a súa marca persoal. Parou o crono en 52.11 segundos, o que lle clasificou na sexta praza.
O lanzador Víctor Gallego participou, pola súa banda, nas finais de peso e disco. Na primeira delas, foi décimo con 16.29 metros no seu primeiro lanzamento. Os outros dous non chegaron a esa distancia. En disco tamén foi décimo cun mellor lanzamento de 51.55 metros.
Nesta última proba, Frank Casañas -cubano afincado en Pontevedra- foi segundo con 59.75 metros no seu último intento. É a súa mellor marca persoal.
O resto de atletas da Gimnástica non chegaron ata as súas respectivas finais.
David Abalde quedou sexto na súa semifinal de 400 metros cun tempo de 49.15, Alberto Guerrero foi cuarto na súa semifinal de 800 metros con 1:49.69, Manuel Castellanos tivo que retirarse en xavelina, Roberto Tello foi oitavo na súa semifinal de 400 metros valas e Iván Blanco e Carlos Porto quedaron moi afastados dos postos de cabeza nos 1.500 metros.
Relacionadas:
-
Salta na rúa coa Gimnástica de Pontevedra!
Por Redacción |
-
Recepción en Marín a Okutu tras o seu novo éxito nos campionatos de España
Por Redacción |
-
Xornada de gran atletismo no CGTD co Campionato Galego Absoluto
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Unha medalla e tres postos de finalista para a Gimnástica no Nacional Junior de atletismo
Por Redacción |
-
Atletismo de nivel na pista do CGTD
Por Redacción & Mónica Patxot |