Okutu e Lidia Parada, ao asalto da mínima mundialista nunha nova xornada do Circuíto de Atletismo de Pontevedra
Por Diego Espiño
O Circuíto de Atletismo en Pista de Pontevedra chegará este venres 7 de xullo á súa quinta parada do ano no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Alí reuniranse ao redor de 300 atletas nunha cita que servirá de preparación para o inminente Campionato Galego Absoluto e tamén para o resto de grandes competicións da tempada ao aire libre, como o Nacional Absoluto ou mesmo para o Campionato do Mundo de Londres.
Ese é polo menos o obxectivo para dúas das figuras confirmadas nesta xornada competitiva, como son o marinense Jean Marie Okutu en salto de lonxitude e a barbancesa Lidia Parada en lanzamento de xavelina, que buscarán achegarse á marca mínima esixida pola Federación Internacional (IAAF).
No caso de Okutu, que este ano acredita unha marca de 7.76 metros ao aire libre, necesita achegarse ao seu record galego de 8.17 metros, que lle valeu para acudir aos Xogos Olímpicos e que tamén lle daría o pase ao Mundial deste ano, posto que a mínima é idéntica (8.15 metros).
Lidia Parada pola súa banda logrou a súa mellor marca do ano na anterior xornada do circuíto pontevedrés (57.20 metros), pero aínda debe mellorar para lograr os 61.40 metros que lle darían o pasaporte mundialista para Londres.
Ambos serán dous dos principais alicientes dunha xornada na que tamén está inscrita a velocista venezolana Nediam Vargas ou atletas galegos do máximo nivel como o local Víctor Gallego, aínda que faltarán os mellores deportistas en idade Junior ao coincidir co campionato nacional.
A competición na pista de atletismo do CGTD arrincará ás 17:45 horas e prolongarase ata máis aló das 21:00 horas. Consulta aquí o horario previsto para cada unha das probas.
Relacionadas:
-
Atletismo de nivel na pista do CGTD
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Lidia Parada, nome propio da cuarta xornada do Circuíto de Atletismo en Pista
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Deporte de quilates na terceira xornada do Circuíto de Atletismo de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Animada xornada de atletismo no CGTD
Por Redacción & Diego Torrado |