Todo preparado en Bueu para repetir experiencia no circuíto nacional Arena 1.000 de balonmán praia
Por Redacción
O areal de Banda do Río, en Bueu, está xa preparada para ser escenario, por segundo ano consecutivo, dunha proba do circuíto nacional de balonmán praia, o Arena 1.000.
Esta exclusiva competición celébrase só en catro localidades españolas, completando o cartel da presente edición Málaga, Cádiz e Valencia.
Ao redor dun cento de equipos daranse cita nun torneo que disputará desde este venres 30 de xuño ata o domningo 2 de xullo.
As categorías infantil e cadete serán as encargadas de abrir fogo o venres, mentres a xuvenil e a senior serán as protagonistas durante sábado e domingo.
Na presentación do evento, na que estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro, ou o internacinal español de balonmán praia e ex-xogador do Teucro Víctor Rodríguez, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, mostrouse satisfeito porque "o retorno económico para a vila está asegurado, como demostra xa a ocupación chea de moitos establecementos hoteleiros nesta fin de semana".
O torneo Arena 1.000 de Bueu poderá seguirse en directo a través da páxina web da Real Federación Española de Balonmán na súa totalidade. Ademais as finais absolutas masculina e feminina serán televisadas na matinal do domingo na canle de Teledeporte.