Mal partido dun Cisne desmotivado que cae (15-24) fronte ao Seis do Nadal Coia
Por Ramiro Espiño
Sen obxectivos, sen ilusión dificilmente se pode gañar un partido. O Cisne é boa proba diso. Dende que asegurou a permanencia, o equipo que adestra Milucho Pintos caeu en barrena no seu rendemento encadeando derrota tras derrota, cunha evidente desmotivación que o fai baixar os brazos en canto os partidos se complican o máis mínimo.
O sucedido fronte ao Seis do Nadal Coia foi un claro reflexo do que dicimos. Ao Cisne estáselle a facer excesivamente longa esta recta final da tempada. Se a iso sumamos a ausencia de homes importantes tanto na dirección de xogo coma no pivote ofensivo, o resultado é unha nova derrota, fraguada en apenas 10 minutos de partido, a partir do ecuador da primeira metade.
Ata aí, sen alardes, o conxunto pontevedrés ía mantendo o ton, pero abondou un pequeno acelerón do cadro vigués para que o Cisne desaparecese da pista. Do 5-5 que reflectía o electrónico no minuto 15, pasouse ao 6-13; un parcial demoledor de 1-8 en pouco máis de dez minutos e uns ridículos sete goles anotados en todo o primeiro período, froito máis do desacerto en ataque do equipo local, que dunha boa defensa visitante.
O demais sobrou. A segunda parte foi a confirmación de que o Cisne non estaba e o seu rival limitouse a ir administrando a renda ata certificar unha cómoda vitoria. E é que aos de Milucho Pintos lles sobran estas últimas xornadas ligueiras.
CLUB CISNE (15): Toño Lafuente, Pablo Galán (p.s.); Bruno Montesinos (2), Pablo Domínguez (2), Alexandre Chan, Pablo Picallo (4), Andrés Sánchez (3), Martín Iglesias (3), Aarón Fernández, Javier Vázquez, Eduardo Covelo, Miguel Simón, Pachi Dacosta, Adrián Freiría e Daniel Puentes (1).
SEIS DO NADAL COIA (24): Adrián Boullosa, José Salazar (p.s.); Guillermo Rial (2), Roberto Couso (3), Enrique Fernández, Germán Iglesias (2), Alexandre López (4), Víctor Rodríguez (6), Denís Estévez (1), Antón Rey (1), David Costa (1), David Escudero (2), Alexandre Piñeiro e Pablo García (2).
Árbitros: Alba Currás Estévez y Soraya Abelenda Martínez (Galicia). Excluiron por dous minutos a Pablo Domínguez, Pablo Picallo, Andrés Sánchez, Martín Iglesias, Eduardo Covelo, Pachi Dacosta e Alexandre Piñeiro.
MARCADOR (Cada cinco minutos): 1-2, 4-4, 5-5, 6-9, 6-12, 7-13 (descanso), 9-15, 10-17, 12-18, 13-20, 14-22 y 15-24 (final).
Incidencias: Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Pouco máis de 100 espectadores.