Primeiros pasos na reorganización do filial e os equipos da base
Por Diego Espiño
Coa configuración do primeiro plantel xa encamiñada, o Pontevedra Club de Fútbol empezou a traballar estes días na planificación das categorías inferiores, principalmente no que respecta ao filial de Primeira Rexional e aos equipos de División de Honra e Liga Nacional Xuvenil, tras os recentes ascensos de ambos.
No que respecta ao segundo equipo, que buscará non pasar os apuros da última campaña e pelexar polo salto de categoría, Tonete seguirá á fronte despois de conseguir certificar a permanencia tras a súa chegada nos últimos meses da pasada tempada.
A dirección deportiva, na que participan Roberto Feáns e Jesús Ramos como responsable da base, ultima unha importante restructuración, xa que causan baixa ata 11 futbolistas: Brais Cancela, Ramón Martínez, Abraham Rodríguez, Yago Fernández, Jesús Ramos, Álvaro Fariña, Iago Martínez, Rubén García, Ángel Nieto, Cristofer Ríos e Roi Peiteado.
Pola contra renovouse a Alejandro Sánchez, Samuel Martínez, Jaime Castro, Diego Cantero, Luís José Fandiño, Richard Teo, Bruno Castro e Pablo Barrio e incorporaranse xogadores que conclúen a súa etapa como xuvenís e seguen tendo vinculación co club.
O que non continuará no banco do primeiro equipo xuvenil Óscar Guimeráns, despois do retorno do equipo granate á máxima categoría. Así o anunciou o propio técnico, que pon fin á súa etapa cos granates tras unha tempada no cargo.