Triste final de tempada para o Feel Cortegada, que renuncia a disputar a fase de ascenso a Liga Feminina
Por Redacción
Día triste para o Feel Cortegada. Tras a reunión celebrada pola Xunta directiva na tarde do xoves chegou a noticia que se temía, ao renunciar á disputa da fase de ascenso á Liga Feminina, que terá lugar en Zaragoza.
A razón de tal decisión non é outra que a delicada situación económica do club, especialmente tras coñecer que o patrocinador principal non pode cumprir coa cantidade acordada ao comezo da tempada e que só aboará 25.000 dos 57.000 euros que faltan por percibir, o que impide asumir o custo que supoñería a viaxe e aloxamento do equipo para disputar os partidos, obrigando a directiva a primar a viabilidade futura do club, ademais de cumprir cos compromisos existentes.
Tras adoptar a decisión, a directiva do club vilagarciano dirixiuse xa á Federación Española de Baloncesto, para efectuar formalmente a renuncia, co fin de evitar calquera tipo de sanción posterior.
Un dos peores momentos produciuse ao ter que trasladar ao equipo a decisión, o que fixo a directiva antes de comezar o adestramento do xoves. Agora as xogadoras de Pepe Vázquez botarán o peche á tempada coa disputa dos dous partidos que restan e co incerto futuro que pende sobre o equipo sénior da entidade, que garante en cambio a continuidade dos equipos base.