Un verán de tenis no Casino Mercantil
Por Redacción
As instalacións do Casino Mercantil en Mourente vivirán durante os meses de xullo e agosto un verán de tenis.
Ademais das actividades da escola do club, o Mercantil organizará un 'stage' de tecnificación durante os dous meses, na que os tenistas poderán mellorar o seu nivel da man de adestradores e monitores titulados e cunha atención personalizada.
A estancia mínima no stage, pensado para as categorías sub-10, sub-14, sub-18 e absoluta, será de dúas semanas, con sesións que comezarán ás 9:30 horas con preparación física e contará con adestramento en pista, comida e tempo libre para gozar doutras actividades como a piscina.
As prazas están limitadas a 28 xogadores diarios, e ademais a organización chegou a un acordo coa academia de tenis que xestiona Juan Carlos Ferrero, ex número 1 do Mundo, para que varios xogadores poidan acudir durante unha semana en agosto a adestrar nas súas instalacións.
Como complemento a todo iso, o Mercantil acollerá un torneo de tenis do 10 ao 16 de xullo. Trátase da cuarta proba do Circuíto Rexional Babolat, un open aberto ás categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e absoluta masculina e feminina.