Ramón Touza: "creo que o futuro da Gimnástica está ben encamiñado"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
O próximo 2 de setembro a Sociedad Gimnástica de Atletismo cumprirá 90 anos de vida. Por ese motivo, o seu presidente durante os últimos 22 anos, Ramón Touza, repasa a actualidade e vivencias dun club que pasa por ser actualmente o segundo na cidade en número de licenzas, con preto de 400 atletas federados. Faino ademais, a pesar da súa longa experiencia, rechando calquera tipo de formalismo e desde a proximidade que transmite un home apaixonado polo deporte.
- A túa é toda unha vida ligada ao atletismo e tamén á Gimnástica.
Si, de neno, con 12 anos, eu estaba na Gimnástica e acórdome de competir en Vigo no parque de Castrelos. Recordo tamén ir correr ás pistas da Escola Naval xa con 15 anos... e despois na Escola Naval seguín facendo atletismo ata que me fun aos barcos (a súa profesión durante ano foi a de mariño) e deixeino. Logo cando me fixen un pouco máis maior volvín ao atletismo, fichei de novo pola Gimnástica e despois foi cando me viñeron buscar uns artirtas, Gonzalo (Méndez) e Juan (Romero), porque José Vidal quería deixar a presidencia.
- Cambiou moito o atletismo desde entón?
Non é que fose un cambio radical, pero si cambiou. De entrada o volume de xente que a Gimnástica manexa. Naquela época teriamos menos de 200 fichas, agora estamos sobre 400. Son máis competicións, campionatos, máis movemento e complicacións. Non lembro agora que orzamento manexabamos entón pero posiblemente duplicouse.
- A pouco de chegar á presidencia produciuse un dos grandes fitos do club, o ascenso do equipo feminino a División de Honra.
Foi no ano 97, pero a triste realidade é que durou pouco porque na tempada seguinte volvemos baixar. Outra historia importante do club foi o ascenso do equipo masculino, que foi no ano 2006, cumprimos xa 11 tempadas en División de Honra. Foi a partir deste ano cando empezou a incrementarse o orzamento e agora roldamos sobre os 180.000 euros aproximadamente.
- Foi o económico un camiño complicado, renunciando mesmo a un ascenso do equipo feminino. Foi difícil tomar esa decisión?
Si, porque non tiñamos perspectivas de poder manter aos dous equipos. Este ano que volveron ascender fixemos contas, vimos que era factible e espero que si o sexa, que non terminemos a tempada con déficit.
- Nesta situación sinalastes nalgunha ocasión que sen o equipo de elite sería complicado manter a estrutura do club, por que?
É así porque o equipo de elite arrastra unha serie de subvencións que se cadra non cobrariamos co equipo noutra categoría.
- Atopades moitas dificultades para atopar apoios ou patrocinadores?
O refrán de todos queremos máis se cumpre, pero cada un tense que amoldar ao que ten, e se non podes pois terás que dar un paso atrás. Realmente o que non podes é hipotecar un club como a Gimnástica.
Ramón Touza: "Non vai pasar nada cando os que estamos aquí marchemos, isto seguirá funcionando"
- Esa situación impediuvos reter a atletas que despuntaron no club, como o caso de Jean Marie Okutu.
Iso é lei de vida, nós non podemos manter a unha figura como Jean Marie. Ademais recoñecemos que ten que marchar, e os primeiros que lle animamos a que se fose fomos nós. Marchaba a un equipo como o Barcelona que pode ser campión de España, van pagar máis, van dar máis axudas... Non podes facer nada, tes que deixalos ir.
- Pero son grandes momentos os que deron atletas como o propio Jean Marie ou Gustavo Dacal, campións de España vestindo a camiseta do club.
É unha cousa que queda aí, xente que pasou pola Gimnástica que están na elite do atletismo español. É importante.
- A nivel de base, a escola de atletismo do club experimentou un gran crecemento, Satisfeitos co seu funcionamento?
Hai moitos nenos agora mesmo na escola e é importante. Monitores, adestradores aos cales temos que estar agradecidos, e aos pais que son os que aguantan aos rapaces e tráenos aquí con moito interese, con moita ilusión. Eu creo que o futuro da Gimnástica está ben encamiñado.
- Algo tería que ver no seu crecemento a presenza do club na cidade coa organización de probas populares, é unha boa promoción do club?
Hai dúas probas estelares que organizamos que son o medio maratón e a San Silvestre, coa colaboración encomiable do Concello, que sen eles non poderiamos facer nada. O da San Silvestre por exemplo é incrible, que dun ano a outro se incremente nunha porcentaxe elevadísima a participación. Haberá que poñer un tope porque non se onde imos chegar, pero que o 31 de decembro unha proporción importante da cidade vaia á San Silvestre non ten nome.
- E chegado a este punto, despois de tantos anos, pensaches algunha vez en abandonar?
Non, pero non cabe dúbida de que un se fai maior e non podemos estar aquí eternamente, ademais convén que veña xente nova con novas ideas. Non vai pasar nada cando os que estamos aquí marchemos, isto seguirá funcionando.
Relacionadas:
-
Charo Castro, nova presidenta da Sociedad Gimnástica
Por Diego Espiño |
-
A Gimnástica abre unha nova época coa marcha de Ramón Touza
Por Redacción |
-
José Luis Vidal: "na miña vida tiven dúas familias, a miña propia e a da Gimnástica"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Juan Figueiro, atleta veterano da Gimnástica: "eu vou morrer como Errol Flynn, correndo"
Por Diego Espiño |
-
Martín Brea: "Nestes tempos de PlayStation e fútbol a tutiplén é complicado atraer rapaces para o atletismo"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Alberto Salcedo, atleta da Gimnástica: "hai detalles que che din que este club é diferente"
Por Diego Espiño |
-
A Gimnástica logra en Burgos a permanencia na División de Honra de atletismo
Por Redacción |