Máis de dous mil guerreiros invaden a Illa das Esculturas nunha espectacular Gladiator Race
Poucas competicións deportivas son capaces de reunir en Pontevedra a case 2.200 participantes. É o logro que alcanzou este ano a terceira edición da Gladiator Race, celebrada este sábado no ámbito da Illa das Esculturas. Foi, sen dúbida, unha cita espectacular que brillou como nunca antes.
O seu máximo protagonista foi o vigués Cristhian Zarta, que se impuxo nas dúas categorías, Warriors e Rockets, nun axustado duelo co boirense Nolo Romero.
En categoría feminina, o triunfo foi para Paula Esteiro en Warriors e Paula Manzanedo en Rockets.
Pola mañá, os gladiadores competiron por ser o mellor guerreiro nun circuíto de 11 quilómetros e 36 obstáculos. Aí, Zarta empregou un tempo de 47 minutos e 24 segundos; mentres que a campioa feminina necesitou 1 hora, 1 minuto e 38 segundos para alcanzar a liña de meta, 36 segundos menos que a segunda clasificada, Carmen Cid.
Tamén subiron todo o máis alto do podio Warriors o Spartam Team (56 minutos e 35 segundos), líderes da clasificación por equipos.
Xa pola tarde, saíron a competir os Rockets nunha categoría que deparaba un circuíto máis curto, 6 quilómetros e 25 obstáculos. De novo, volveu vivirse un axustado duelo entre Cristhian Zarta e Nolo Romero, decantándose o triunfo a favor do primeiro cun tempo de 30 minutos e 3 segundos, só 3 menos que o seu perseguidor.
A noiesa Alba Manzanedo (41 minutos e 47 segundos) foi a clara vencedora en categoría feminina, mentres que Los Mercenarios (35'03") encabezaron a clasificación por equipos.
A proba tamén contou cunha versión infantil non competitiva na que gozaron case 300 nenos e nenas acompañados dos seus proxenitores. A Gladiator Kids fixo gozar a grandes e pequenos nun circuíto especial na zona de Tafisa.
A Gladiator Race de Pontevedra volveu a ser un éxito non só de participación senón tamén de público.
Centos de persoas achegáronse ata a contorna da Illa das Esculturas para animar aos corredores e tomar fotografías nos obstáculos máis espectaculares: as Zamburguesas, o Monkey Bars, as argolas e sobre todo o Mont Blanc, unha durísima rampla de madeira de 4 metros e medio que fixo sufrir moito aos participantes, pero gozar aos asistentes.
Ademais, a Gladiator volveu exhibir os seus principais valores por encima da competición: o esforzo, a capacidade de superación, a diversión e o traballo en equipo. Haberá máis, sen dúbida, o próximo ano.
Relacionadas:
-
A Gladiator Race, preparada para dar batalla na Illa das Esculturas
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- A cuarta edición da Gladiator Race supera o milleiro de inscritos
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A Gladiator Race anuncia a apertura de inscricións para a súa cuarta edición en Pontevedra
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Participaches na Gladiator Race? Gustarache o vídeo oficial da proba
Por Redacción |
-
A Illa das Esculturas, a punto para a Gladiator Race
Por Redacción |
-
A Gladiator Race cumpre obxectivos e contará con 2.000 'guerreiros' na súa terceira edición
Por Diego Espiño |
-
Adestrando para converterse en auténticos 'gladiadores'
Por Redacción & Mónica Patxot |