O título galego de descenso en BTT decídese en Vilaboa
Por Redacción
Emoción garantida o vindeiro domingo 4 de xuño en Vilaboa co Campionato Galego de Descenso en BTT (DHI).
Un cento de riders buscarán no Lago de Castiñeiras o título autonómico nunha proba organizada polo CD Kamikazes coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo e o Concello de Vilaboa.
Os deportistas afrontarán unha baixada de 1,6 quilómetros desde Cotorredondo nun trazado que xa acolleu en 2013 o campionato autonómico e tamén o Campionato de España.
A competición arrincará o sábado cos adestramentos libres ás 9:00 horas, mentres os ensaios oficiais iniciaranse ás 8:30 horas do domingo e a competición oficial ás 11:00 horas coa primeira manga. A final está prevista para as 13:00 horas do domingo.
O Campionato Galego de Descenso disputarase nas categorías cadete, junior, sub-23, elite e master, masculina e feminina.