Pontevedra e Portonovo estrearán o campus do futbolista do Barcelona Denis Suárez
Por Redacción
O futbolista Denis Suárez, actualmente nas filas do Fútbol Club Barcelona, estreará campus estival de fútbol cunha dobre edición na comarca, en Portonovo e Pontevedra.
O campus foi presentado este xoves na cidade de Lérez polos responsables da organización, Enfoq Sport&Law e DSF11, xunto á concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
A actividade realizarase do 3 ao 8 de xullo nos campos de futbol da Xunqueira II en Pontevedra e de Baltar en Portonovo, cun programa diario no que se inclúen tres adestramentos a cargo de técnicos titulados, merenda, comida e actividades complementarias.
Denis Suárez, xogador nado en Salceda de Caselas, aproveitará a súa estancia na provincia nunhas breves vacacións para participar no campus ao que dá nome, e que visitará durante unha das xornadas para compartir experiencias, xogos e adestramentos cos nenos e nenas inscritas.
O Campus Denis Suárez celebrarase tamén en Salceda e Tui e está dirixido a nenos e nenas entre os 6 e 14 anos cun prezo de 250 euros, que inclúe a entrega de dous equipamentos completos. Para máis información www.campusdenissuarez.com.