Tempo de negociacións e despedidas no Pontevedra
Por Diego Espiño
Sen tempo apenas para recuperarse da viaxe a Murcia e a eliminación do equipo, o Pontevedra ponse ao choio na planficación da próxima tempada.
É tempo de negociacións e de arduo traballo de despacho e queda moito traballo por diante, xa que do actual plantel só Kevin Presa ten contrato en vigor. Por ese motivo está previsto que este martes Luisito, xa renovado, se reúna co responsable da planificación deportiva, Roberto Feáns, para valorar conxuntamente os pasos para dar e os futuros obxectivos antes de sentar a falar cos futbolistas sobre os seus plans.
Do actual plantel só Kevin Presa ten contrato en vigor
A boa tempada dos granates disparou a cotización dalgúns xogadores, aos que será complicado reter. Un deses casos apunta cara a Miguel Loureiro, a quen lle soa as campás de clubs de Segunda División, pero Pontevedra non renuncia aínda a reter aos seus principais valores e, dado o bo rendemento do equipo, apostará por tentar a continuidade de polo menos unha parte importante do actual bloque.
O primeiro plantel, tras dous días de descanso, regresará este mércores aos adestramentos, xa dunha forma máis relaxada e pendentes do que suceda nos despachos, xa que os futbolistas irán desfilando nos próximos días polas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón.
DESPEDIDA DE MARIO BARCO
É momento tamén de despedidas. Serán máis futbolistas os que abandonden o club granate, pero polo momento hai dous que, seguro, retornarán aos seus clubs de procedencia ao estar na cidade de Lérez en calidade de cedidos, como son Eneko Eizmendi e Mario Barco.
No caso do pichichi do equipo, aproveitou este luns para despedirse dos afeccionados a través da súa conta de Twitter, nunha mensaxe na que dá as grazas a seguidores, corpo técnico e directiva e na que recoñece que marcha "enamorado de una ciudad y de su gente, una afición agradecida la cual me dio su cariño en las buenas y en las malas", sinalou en relación ás lesións que embazaron a segunda metade dunha tempada que estaba a ser a nivel individual sobresaliente para el.
@PontevedraCFSAD NUNCA SE RINDE. GRACIAS!! pic.twitter.com/rDvfXwU6xp
— Mario Barco (@MarioBarco92) 29 de mayo de 2017
Relacionadas:
-
Antiviolencia multa con dureza un afeccionado do Murcia polo seu comportamento en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra comunica as primeiras baixas e traslada oferta de renovación a seis futbolistas
Por Diego Espiño |
-
Luisito, castigado con dous partidos de sanción pola súa expulsión en Murcia
Por Diego Espiño |
-
Esforzo sen premio dun gran Pontevedra que cae coa cabeza alta en Murcia (1-1)
Por Ramiro Espiño |