Fin de tempada con derrotas para Xuventú Sanxenxo, Portonovo e Unión Grove
Por Redacción
Amarga despedida da competición para os equipos da comarca no Grupo Sur de Preferente, con senllas derrotas en cada un dos seus enfrontamentos.
O Portonovo, xa descendido, desperdiciou ata tres veces a súa vantaxe e terminou encaixando unha derrota no campo do Arenteiro (4-3) que lle impide polo menos darse unha alegría no seu último encontro na categoría.
Os arlequinados dominaron o marcador durante a primeira metade, desde o gol aos 3 minutos de Fran Álvarez, e aínda que o Arenteiro respondía a cada tanto os goles de Iván e Marcos Blanco permitíanlles chegar con vantaxe ao descanso (2-3).
As forzas fraquearon con todo no inicio da segunda metade, o que aproveitaron os locais para, en 12 minutos, dar a volta ao marcador e facerse co triunfo.
O Portonovo conclúe así a liga na décimo oitava posición con 32 puntos. Consulta aquí a acta do Arenteiro-Portonovo.
Tamén perdeu o Xuventú Sanxenxo, no seu caso en Baltar de Arriba ante un eficaz Erizana (1-2).
Os amarelos empezaron marcando aos 24 minutos por medio de Héctor, pero non lograron manter a súa vantaxe na segunda metade e, en dúas accións, os visitantes foron capaces de remontar.
Coa derrota o Sanxenxo termina a liga décimo cuarto con 46 puntos.
Consulta aquí a acta do Xuventú Sanxenxo-Erizana.
Cos mesmos puntos, 46, aínda que un posto por encima pecha a competición o Unión Grove a pesar da goleada que sufriu no campo do Moaña (6-0).
O cadro meco, que non se xogaba nada, viuse superado desde o inicio polo seu rival. Opuxo resistencia durante a primeira metade, pero o segundo gol dos locais antes do descanso, de penalti, terminou coas súas esperanzas. O Moaña completou a goleada no segundo acto.