'Tormenta' de xadrez na Praza de España
Por Redacción & Mónica Patxot
Nin a choiva que, por momentos, amenzaba tormentosa desde os nuboeiros que este venres cobren o ceo pontevedrés, puido impedir a celebración dunha nova edición do Xadrez na Rúa.
O festival escolar organizado pola Escola Xadrez Pontevedra congregou durante a mañá deste venres a centos de escolares nunha xornada ideada para a promoción deste deporte.
Alumnos de Primaria de CEP Campolongo, CEIP Vidal Portela, CEIP Xunqueira II e Colexio San Xosé, centros que apostan esta actividade nas súas aulas, gozaron durante dúas horas xogando partidas con nenos doutros colexios.
A actividade na carpa instalada pola Escola Xadrez Pontevedra inclúe tamén unha serie de obradoiros para todos os públicos durante a tarde do venres como preludio do VIII Torneo Pontexadrez, torneo ao aire libre incluído dentro do Circuíto Galego Escolar e que se disputará este sábado 27 de maio.