O Deportivo tivo que recorrer aos penaltis para adxudicarse o Luis Otero fronte a un grande Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Esta vez non gañou "david" pero tivo contra as cordas un "goliat" que houbo de recorrer ás quendas de penaltis para adxudicarse a posesión do LIII Trofeo Luis Otero. O Deportivo sufriu e do lindo para impoñerse a un magnífico e motivado Pontevedra, que foi capaz de neutralizar en dúas ocasións os goles deportivistas e mesmo gozou no tempo engadido dun man a man de Richi ante Lux que marchou rozando o poste do conxunto deportivista e que de ter entrado tería feito xustiza ao excelente traballo dos de Milo Abelleira.
Dende o saque inicial quedaron claras as intencións. Malia o lóxico dominio territorial dos visitantes, o Pontevedra posicionábase ben no campo e non se deixaba impresionar pola xerarquía do rival, non renunciando sequera á posibilidade de sacar a pelota xogada dende atrás, sorteando con risco a presión dos homes puntas deportivistas.
Pasaban os minutos e un Depor enchido de xogadores aos que Oltra dá menos minutos en Liga, mostrábase impotente para xerar perigo. O máis interesante partía case sempre das botas de Camuñas, pero Bodipo cargaba de razóns ao técnico para xustificar a súa suplencia, André parecía moi lonxe de ser o organizador capaz de xerar xogo e Salomao gastaba a súa pólvora en inofensivas salvas.
Con este panorama o Pontevedra empezou a crelo e a crecer. As incorporacións de Cristóbal Juncal facían sufrir a Ayoze. Pablo, sempre ben situado, e Sestelo, anulaban os tímidos intentos branquiazuis, mentres Javi Pazos, Stefan e Tubo comezaban a mirar cara á área contraria ademais de manter as axudas nas coberturas e a presión ao contrario. Non había serio perigo, pero o xogo era de ti a ti, coma se de súpeto as categorías que separan a ambos os dous cadros tivesen quedado en nada por un día.
E tanto que o creu o Pontevedra que súa foi a mellor ocasión do primeiro período. Unha gran xogada de todo o equipo remata con centro de Cristóbal Juncal e cabezada espectacular de Javi Pazos, como mandan os canons, picando o balón cara ao lado de onde viña o centro, pero Germán Lux saca unha man incrible, abaixo, xunto á cepa do poste, para mandar o balón á esquina.
Coma se a acción espertase o Depor, un minuto máis tarde Bodipo aproveita un corner para rematar a queimarroupa, pero a perna de Sestelo interponse e o balón vaise por enriba da travesa. Os dous equipos tocaron a rebato e retáronse para unha segunda parte que resultou máis entretida e espectacular.
Foron 15 minutos de loucura. Adiantouse o Depor, nunha perda do Pontevedra na medular culminada con tiro de Bodipo que saca Lloves no man a man, pero o rexeitamento foi aos pés de Saúl, que só tivo que empurrar. Empatou por primeira vez o Pontevedra, nun golazo para enmarcar de Tubo, rematando de culler un bo centro de Cristóbal Juncal. Volveu tomar vantaxe o Depor, nun dos puntos débiles do Pontevedra, un corner que chega á cabeza dun desmarcado Camuñas, que non desaproveita e de novo empata o Pontevedra tras unha gran xogada que acaba con centro que corta claramente coa man Roderick nos mesmos narices do colexiado. O penalti transfórmao Moisés Pereiro, enganando a Lux.
A mellor ovación da noite levóuna Juan Carlos Valerón
Segue o carrusel de cambios no Pontevedra, que substituiría a todo o equipo, pero nin así, enchido de xuvenís e xogadores do filial, baixou a intensidade nin perdeu a cara ao partido. Tempo tamén para que os afeccionados granates rendesen obediencia ao "mago de Arguineguín", cunha ovación de gala no momento en que Juan Carlos Valerón entrou no campo.
No toma e daca vistoso que se produciu ata o final, a mellor ocasión foi para os de Milo Abelleira, que no tempo de desconto puideron levarse a vitoria e o Trofeo nunha gran xogada de Richi, que se coa entre os dous centrais e só ante Lux lle pica o coiro, pero o remate marcha lambendo a cepa do poste.
Había que ir á lotaría dos penaltis, pero a ninguén lle importou. O público despediu o Pontevedra cunha sonora e merecida ovación polo xogo despregado e ao Deportivo con agradecemento por acudir á disputa do Trofeo.
PONTEVEDRA, C.F.: Lloves (Edu, min. 64); Cristóbal Juncal (Pacheco, min. 64), Sestelo (Cristóbal, min. 64), Pablo (Yago Vázquez, min. 64), Adrián Gómez (Nano, min. 64); Iago Paz (Moisés Pereiro, min. 55), Tomás (Emilio, min. 55); Fran Fandiño (Breogán, min. 55), Stefan (Buba, min. 55), Tubo (Jacobo, min. 55); Javi Pazos (Richi, min. 55).
R.C.DEPORTIVO: Lux; Seoane, Roderick, Aythami, Ayoze; André, Jesús Vázquez (Thiago Pinto, min. 46); Camuñas (Valerón, min. 75), Juan Domínguez, Salomao (Saúl, min. 46); Bodipo.
Árbitro: Miguel Miñán Fernández, auxiliado nas bandas por Francisco Bascoy Rodríguez e Daniel García Lesta, do colexio Galego (Pontevedra). Amoestou a Roderick.
Goles: (0-1) Minuto 47: Saúl. (1-1) Minuto 50: Tubo. (1-2) Minuto 56: Camuñas. (2-2). Min. 60: Moisés Pereiro, de penalti.
Incidencias: Campo Municipal de Pasarón. Ao redor de 1.200 espectadores. Partido retransmitido por TVG-2. O vencedor do trofeo houbo de decidirse nas quendas de penaltis, tendo que recorrer ao sexto lanzamento para alzarse co triunfo o conxunto herculino. Polo Deportivo lanzaron: Saúl (parou Edu), Aythami (gol), Juan Domínguez (parou Edu), André (gol), Valerón (gol) e Ayoze (gol). Polo Pontevedra fixérono: Moisés Pereiro (parou Lux), Pacheco (parou Lux), Breogán (gol), Emilio (gol), Jacobo (gol) e Buba (ao poste). Ao finalizar o partido a deputada provincial Begoña Estévez fixo entrega dos trofeos aos capitáns, Richi, polo Pontevedra, e Juan Domínguez, polo Deportivo.