Festa do rugby pontevedrés co partido entre Galicia sub-20 fronte a España sub-19
Por Redacción
O campo da cidade infantil Príncipe Felipe viviu na mañá do domingo toda unha festa do rugby pontevedrés e galego. Enfrontábanse as seleccións de Galicia sub-20 fronte á selección de España que disputará o próximo campionato de Europa sub-18 a partir do próximo Venres en Grenoble (Francia).
Aínda que o resultado era o de menos, destacar que o dominio do combinado nacional foi asoballante, logrando impoñerse por un contundente 6-50, evidenciando así unha maior conxunción e o alto nivel dos seus xogadores, provenientes na súa gran maioría de clubs de arraigada tradición no panorama do rugby español de alto nivel.
Pero se na valoración do xogo temos en conta que o combinado galego se baseaba en xogadores sub-18 e que apenas puideron adestrar dúas veces xuntos baixo as ordes de Losada e Mera, o resultado perde importancia e o sabor de boca é notable, pois os mozos que vestiron a albiceleste demostraron unha actitude e casta sobresaínte, suplindo con grandes doses de talento individual un xogo de conxunto moi traballado.
Entre os convocados estaban os xogadores do Mareantes RCP Ismail Bahya e Driss El Mokarrabe e os integrantes do Pontevedra Rugby Club Alberto Silla, Ernesto Lumbreras, Nicolas Diaz, Daniel Lopez e Álvaro Caride. Algúns deles foron invitados polo seleccionador español para participar co combinado nacional sub-19 nos adestramentos preparatorios do europeo que se celebrarán o luns, martes e mércores en chan pontevedrés.