Gómez Noya empeza a Copa do Mundo con triunfo en Australia
Por Redacción
Javier Gómez Noya, subcampeón olímpico de triatlón, comezou a Copa do Mundo 2013 cunha vitoria en Mooloolaba (Australia), por diante do estadounidense Matt Chrabot e do australiano Peter Kerr.
"Estou moi contento porque me sentín fresco malia levar varios días adestrándome sen descanso", comentou Gómez Noya.
E iso que as cousas non empezaron ben. Sen traxe de neopreno dada a alta temperatura do auga, a proba de natación a liderou o eslovaco Richard Varga. Javier non puido seguir o seu ronsel e conformouse con saír na cabeza do grupo principal a uns 35 segundos.
Na segunda fase, cun percorrido ciclista a 7 voltas chás e con tramos ida-volta, o pelotón cazou pronto aos escapados, pero non se mantivo compacto ata o final xa que Hayes e Shaw atacaron sen que ninguén máis puidese seguirlles. Gómez Noya limitouse a seguir nese pelotón.
O español fixo unha mala transición e saíu a correr dos últimos do grupo, pero non tardou en encabezar a persecución.
Facendo bos os pronósticos, foi no quilómetro 5 cando Gómez Noya demostrou o seu liderato tras superar aos dous triatletas que se baixaron da bici cunha vantaxe duns 50 segundos sobre o pelotón principal de 19, o neozelandés Mike Philips e o británico Stuart Hayes.
Era tal a súa vantaxe que na última volta puido relaxarse e gozar da vitoria, a primeira do ano en competición con reglamento olímpico.
A súa seguinte competición será o 6 de abril en Auckland, primeira das Series Mundiais e onde xa gañou en 2012 a final deste circuíto. Ata entón seguirá en Australia dado que nesa zona entre Noosa e Mooloolaba goza de condicións ideais para o adestramento.