Vacacións de tenis en Sanxenxo
Por Redacción
As instalacións do Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo non pecharon por descanso nos últimos días. Todo o contrario, enchéronse de actividade co quinto Torneo de Semana Santa organizado polo club.
"Estamos moi contentos en como discorreu o torneo", recoñeceu Noli Álvarez, director do CCD Sanxenxo, grazas a unha participación próxima aos 150 xogadores nas diferentes categorías, desde a benxamín ata a absoluta e de veteranos.
En total disputáronse en Sanxenxo 171 partidos consolidando o torneo con "máis éxito de inscrición e calidade de participantes", sinalou Álvarez.
Os gañadores en cada unha das categorías foron: Javier Cortizas (veteranos 55), Carlos Suárez (veteranos 45), Simón Arca (absoluta masculina), Carla del Barrio (absoluta feminina), Julieta Honrubia (cadete feminina), Lois Nieto (cadete masculina), Sara Martínez (infantil feminina), Brais González (infantil masculina), Carla Hernández (alevín feminina), Alejandro Martínez (alevín masculina) e Alejandro Blanco (benxamín masculina), mentres nas categorías non federadas impuxéronse Yago Díaz, Isaac Otero, Judith Prado e Julia Soutullo.