Descanso para o Teucro antes da fase decisiva
Por Redacción
Tres xornadas restan para o final da competición da División de Honra Prata de balonmán, tres partidos nos que estará en xogo para o Teucro o ascenso á máxima categoría.
Antes diso a liga para por Semana Santa e por iso Quique Domínguez, tras adestrar os primeiros días da semana, decidiu dar catro días de descanso ao persoal.
O obxectivo do técnico é que os seus xogadores recuperen forzas no físico e tamén a nivel mental, para centrarse na esixente recta final de tempada que lles espera e na que, salvo contratempo, a única ausencia por lesión será a de Johnny Medina.
Desta forma os azuis non volverán ao traballo ata o vindeiro luns 17 de abril para preparar o complicado partido no Pavillón Municipal dos Deportes ante o Barcelona B (sábado 22 ás 20:00 horas).
Será a segunda oportunidade de ascenso do equipo, aínda que como en Alcobendas todo dependerá, sempre que os azuis gañen o seu partido, do que faga o segundo clasificado, Palma del Río, que visitará á mesma hora a cancha do Bordils.
Tras esa xornada Palma del Río e Teucro veranse as caras en Córdoba nun duelo que podería ser de máxima tensión e na que o só feito de conservar o average a favor (33-27 na primeira volta) pode ser o elemento decisivo para amarrar o ascenso á Liga Asobal.
Relacionadas:
-
Asobal e Teucro reencóntranse!
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Barcelona B ameaza ao Teucro nunha "gran oportunidad" de deixar sentenciado o ascenso
Por Diego Espiño |
-
O vestiario do Teucro pide axuda para pechar o ascenso: "Imos necesitar o empuxe da nosa afección"
Por Redacción |
-
O Teucro non cumpre coa súa parte en Alcobendas e o ascenso terá que esperar (32-26)
Por Redacción |