A Copa de España de Medio Maratón no Lérez completa a intensa oferta deportiva da fin de semana
Por Redacción
"Temos unha fin de semana tremendamente deportiva". Con estas palabras da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, comezou este xoves a presentación da segunda edición do Open Cidade de Pontevedra de piragüismo de medio maratón, que terá lugar no tramo urbano do río Lérez o vindeiro sábado 8 de abril.
Ao Campionato de España Open de Primavera de Natación ou os partidos de liga dos diferentes equipos da cidade únese unha competición que terá a catalogación de Copa de España da especialidade.
Desta forma a participación elevouse ata os 675 deportistas de 60 clubs de toda España, que darán cor a unha xornada que arrincará ás 12:00 horas coa categoría C-1 cadete e concluirá ao redor das 17:00 horas tras participar tamén padexeiros en idade junior, sub-23, senior e veteranos en kaiak e canoa e na modalidade paralímpica.
"Levamos anos tentando atraer competicións de calado non só internacionais senón tamén nacionais", sinalou o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, que asegura seguirá apostando por organizar competicións non só no encoro do Pontillón do Castro, senón no Lérez para que toda a cidade poida gozar coa actividade deportiva, xa que "estamos moi contentos da participación e da resposta da cidade", recoñeceu Bea.
O club coa representación máis numerosa será a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, con máis de 30 padexeiros e a intención de pelexar polo podio na clasificación xeral por equipos.