Complicada saída para un Arxil que quere chegar á última xornada con opcións
Por Redacción
Despois dunha tempada de altibaixos, con contratempos que lastraron o rendemento do equipo, o Club Baloncesto Arxil realizou un esforzo para manterse con opcións cando só faltan dous partidos para a conclusión da competición regular na Liga Feminina 2.
O equipo pontevedrés quere chegar con vida á última xornada e pelexar ata o final por entrar na fase final polo ascenso que se celebrará en León do 20 ao 23 de abril.
Non será fácil, xa que as de Mayte Méndez non dependen de si mesmas. Necesitan as derrotas de Ibaizabal e Joventut Les Corts e vencer nunha cancha complicada, a do segundo clasificado.
O Arxil visita este sábado (19:00 horas) ao Sant Adriá barcelonés, equipo xa clasificado para o play-off que xa venceu na primeira volta da liga en Pontevedra.
As pontevedresas non poderán contar para a cita con María Centeo, que segue arrastrando problemas físicos.
CATRO XOGADORAS DO FILIAL, NA FASE FINAL DO CAMPIONATO UNIVERSITARIO
A semana deixou unha boa noticia para o Arxil, xa que catro das súas xogadoras do equipo filial clasificáronse co equipo da Universidade de Vigo para a fase final do Campionato de España Universitario.
O equipo de baloncesto feminino, no que participan Edurne, Arancha, Esperanza e Aldara, impúxose á Universidad de Murcia (59-37) na fase interzonal celebrada en Madrid, gañando o dereito para participar na fase final que terá lugar do 2 ao 5 de maio precisamente en Murcia.