Alfredo Bea dimite como vicepresidente do piragüismo español ante o trato "inaceptable" a Suso Morlán e David Cal
Por Redacción
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, presenta a súa "dimisión irrevocable" como vicepresidente da Federación Española de Piragüismo debido ás "serias discrepancias" co organismo federativo nacional. Non obstante, Alfredo Bea aclara que "isto non significa un enfrontamento nin vai existir ningunha deslealdade" con Juan José Román Mangas, o presidente da Federación española.
Alfredo Bea, que chegou ao cargo hai tres meses despois de que Juan José Ramón Mangas resultase reelixido por outros catro anos no cargo de presidente, asegura nun comunicado que a súa dimisión como vicepresidente prodúcese por "non ter en conta as propostas que facemos desde Galicia. Para estar nun lugar e non contar para nada, o mellor é deixalo".
"Existe un falta de respecto total e absoluto ás propostas do comité técnico galego, cando somos a federación que conta cun maior número de deportistas"
O dirixente galego desvela que "existe un falta de respecto total e absoluto ás propostas do comité técnico galego, cando somos a federación que conta cun maior número de deportistas de todas as comunidades autónomas de España". Alfredo Bea reitera que "nós, desde Galicia, non cremos na fórmula presidencialista que adoptou Juan José Ramón Mangas. Os criterios deben ser outros moi distintos. Non estamos dispostos a aceptar todo o que el diga".
Alfredo Bea considera "insostible a situación" e engade que "unha federación como a galega, con todo o seu enorme peso no piragüismo español, non pode permitir que non sexa escoitada nos organismos técnicos ou as súas propostas constantemente rexeitadas. Non podemos consentir isto".
Como detonante desta dimisión parece estar, segundo explica o propio Alfredo Bea, entre outros, a decisión de Suso Morlán e David Cal de irse a adestrar en Brasil ante a falta de apoios que teñen en España. "Reducíronse de xeito moi importante as axudas aos deportistas e rebaixóuselle o soldo a Suso Morlán, o adestrador de David Cal. Desta forma é imposible traballar. Son cousas inaceptables", asegura.
"Non podemos aceptar baixo ningún concepto que non se trate como se merece a Suso Morlán e a David Cal"
"Non podemos aceptar baixo ningún concepto", continúa o comunicado do presidente da Federación Galega de Piragüismo, "que se rebaixen as becas aos deportistas ou que non se trate como se merece a Suso Morlán e a David Cal. Son cousas de difícil explicación e que non se entenden".
Alfredo Bea tamén desvelou que a acusación que realizou a Federación Española de Piragüismo por uns supostos documentos falsos co nome de Juan José Ramón Mangas para solicitar un permiso oficial a un destacado deportista que traballa para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado "foi o último episodio que colmou a miña paciencia".
En todo caso, Alfredo Bea indica que a dimisión do seu cargo como vicepresidente da Federación Española "foi tratada, adoptada e consensuada pola xunta directiva da Federación Galega", o que demostra, di, "como traballamos aquí". Engade que Juan José Román Mangas mantén no seu ente federativo unha actitude "absolutista, todo o contrario ao que é e debe ser a filosofía do piragüismo".
Alfredo Bea conclúe deixando claro que está "disposto e aberto" a falar co presidente da Federación Española de Piragüismo. Ambos se atoparán no Campionato de España de Inverno que se disputará o próximo fin de semana en Sevilla.