O CGTD, escenario da segunda xornada do Circuíto de Atletismo en Pista
Por Redacción
A pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra será escenario este sábado 25 de marzo da segunda xornada de competición do Circuíto de Atletismo impulsado polo Club Rías Baixas co apoio da Federación Galega e do Concello de Pontevedra.
Preto de 400 atletas daranse cita nunha xornada que arrincará ás 17:00 horas e prolongarase ata aproximadamente as 20:30 horas.
"O que esperamos é que vaia medrando día a día", sinalou Gonzalo Méndez en relación a un circuíto que arrinca na súa primeira edición con seis xornadas.
A seguinte delas, prevista para o mércores 12 de abril, contará ademais cun aliciente, a presenza da Selección Española Junior.
O Circuíto de Atletismo en Pista de Pontevedra parte co obxectivo de "poñer o atletismo no lugar que merce na nosa cidade", explicou a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, sobre un proxecto que se basea na demanda de competicións atléticas no calendario local e autonómico.