Dúas medallas de bronce para a Escola Hungaresa no Criterium Nacional de Sabre de Ciudad Real
Por Redacción
A Escola Hungaresa de Pontevedra asinou unha grande actuación no Criterium Nacional de Sabre celebrado en Ciudad Real.
A competición de esgrima, nas categorías de Sabre M-10 (menos de 10 anos) e M-12 (menos de 12 anos), na que participaban máis de 150 nenos finalizou con dúas medallas para o club pontevedrés.
Boris Bunimov adxudicouse a primeira delas, un bronce en Sabre M-10. O tirador da Escola realizou un concurso case perfecto, caendo unicamente en semifinais ante un deportista do Club de Esgrima de Granada.
O segundo metal, tamén de bronce, foi para o equipo de M-12 composto por Tomás Quireza, Alberto Campelo e Pablo González, que perdeu en semifinais fronte ao Club de Esgrima Barajas.