Triunfo de triplo valor para o Pontevedra que supera ao Valladolid B (2-0) pero perde de novo a Mario Barco
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Puntos con triplo premio para o Pontevedra e unha peaxe dolorosa, a nova lesión de Mario Barco, que debeu abandonar o terreo de xogo cunha máis que probable rotura fibrilar, ademais da rigorosa expulsión de Bruno, que obrigou aos granates a xogar 40 minutos en inferioridade numérica. O premio, importante, por partida tripla: os tres puntos, o gol average particular co Valladolid B, ao que afasta a nove (10 reais) na clasificación, e o respiro que lle outorga aos de Luisito a derrota da Ponferradina en Santander, que tamén afasta aos do Bierzo a sete puntos.
Luisito apostou por situar ao equipo cun debuxo en 4-3-3, con Abel como home máis próximo á defensa e Jacobo Trigo e Kevin Presa con maior liberdade para proxectarse ás proximidades da área valisoletana, mentres Mateu loitaba contra os centrais e David Añón e Eneko buscaban encarar polas bandas. Saíulle ben no resultado, porque Kevin Presa converteuse en improvisado goleador, aproveitando o seu bo disparo afastado, pero non tanto no xogo, no que o Valladolid B soubo presionar a Abel, impedíndolle recibir con comodidade e obrigando aos granates a sacar o balón en longo, o que lles facía perder a posesión ao impoñer tamén a zaga visitante a súa superioridade no xogo por alto.
Sen tempo case nin para ver se a aposta do técnico de Teo daba resultado, Kevin Presa abría o marcador, coa fortuna como aliada. A chegada do centrocampista á frontal da área termina cun disparo que dá en Arroyo cambiando a traxectoria e despistando a Tanis para terminar no fondo da portería.
Pero lonxe de asentar o xogo local, o gol provocou o efecto contrario. O Valladolid B fíxose co control do partido, gañando a zona ancha e pasando a dominar territorialmente. A presión visitante conseguiu desconectar a Abel dos seus compañeiros de liña e unicamente as galopadas de Eneko pola esquerda ou o empuxe de Miguel pola dereita, facían moi de cando en vez que o Pontevedra chegase á área rival, pero sen xerar perigo.
Facendo gala de bo trato co balón, o Valladolid dominaba, pero tampouco inquietaba a meta pontevedresa, limitando o seu dominio a disparos afastados sen gran perigo, salvo un de Dani Vega, xa case finalizando o primeiro tempo, que Edu desviou como puido.
Logo chegaría unha fase de apuros para os locais, máis por indecisións e nervios á hora de sacar o balón, que a punto estivo de custar o empate, pero da que o Valladolid non sacou proveito, ao contrario, acabou recibindo o segundo gol, froito dunha xenialidade de Kevin Presa, que de novo achegouse á área visitante para esta vez, desde uns 25 metros, soltar un sensacional disparo cruzado, que se coou a media altura sen que Tanis puidese facer nada. Con moi pouco, o Pontevedra íase ao descanso mandando no marcador.
Ninguén podía imaxinar o que sucedería nos primeiros 15 minutos tras a volta de vestiarios. Os granates saíron moito mellor, con máis tranquilidade e pasaron a dominar, tanto que case sentencian o partido cun terceiro gol que evitou o defensor visitante Arroyo, sacando baixo paus un balón que se coaba. Foi xusto antes de que o árbitro deixase cun menos aos granates, expulsando a Bruno nunha acción de xogo perigoso, na que levanta demasiado o pé impactando na cara dun contrario. A amarela era clara. A vermella pareceu excesiva.
Tocaba reorganizar o equipo. Jacobo Trigo pasou a central, mentres Kevin Presa e Abel agora tiñan que pechar ocos. Pero as desgrazas locais non se terminaran. Mario Barco, que substituíra a Mateu, sentiu unha picada nos isquios da súa perna esquerda. Inmediatamente levou a man á parte posterior da coxa e o médico do equipo pediu ao banco o cambio. As sensacións apuntan a unha lesión fibrilar do dianteiro rioxano, pouco máis de dúas semanas tras a súa reaparición.
De novo Luisito víase obrigado a reorganizar o equipo. E menos mal que non realizara o cambio que tiña preparado retirando a Añón, que pasaba á punta de ataque, entrando Álex González. O Valladolid dominaba, pasando a defensa de tres, pero a zaga local defendíase con orde e criterio, sen permitir opcións ao cadro castelán, que se estrelaba ao chegar á área. Incluso as ocasións máis claras foron granates, especialmente una de Álex González, que sería o pesadelo dos visitantes, cunha volea desde a frotal, que obrigou a Tanis a lucirse para mandar o balón a corner.
O sufrimento dos afeccionados debeu terminarse antes, cando David Añón roubou un balón, regateou a Calero e marchábase só sendo derrubado polo central visitante na frontal da área. Era unha opción de cartón vermello claro, pero o rigor que antes empregara con Bruno transformouno o colexiado canario en benevolencia para o valisoletano, deixándoo nunha simple amoestación, ante o enfado do público.
Deu o mesmo. Os de Luisito fixeron un exercicio memorable de supervivencia e xenerosidade no xogo, achicando espazos e mirando ao seu rival á cara tan pronto podían irse arriba. Se na primeira parte o premio fora excesivo, na segunda o Pontevedra mereceu con fartura a vitoria.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Miguel, Portela, Bruno, Bonilla; Jacobo Trigo, Abel, Kevin Presa; David Añón, Mateu (Mario Barco, minuto 50) (Álex González, minuto 59) e Eneko (Mouriño, minuto 73).
REAL VALLADOLID B (0): Tanis; Arroyo, Calero, Mario, Manel Royo (Sinisterra, minuto 68); Renzo (Iván Martín, minuto 46), Mari, Rai, Samanes (Corral, minuto 80); Higinio e Dani Vega.
Árbitro: Alexander González González (Tenerife), auxiliado nas bandas por Yeray Hernández Barrera e Airán Fariña Delgado. Expulsou con vermella directa ao xogador local Bruno (minuto 53). Amoestou a Miguel e Kevin Presa, polo Pontevedra, e a Samanes e Calero, polo Valladolid B.
Goles: (1-0) Minuto 8: Kevin Presa. (2-0) Minuto 44: Kevin Presa.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Uns 2.000 espectadores. Os xogadores do Pontevedra saltaron ao campo lucindo unha camiseta de apoio á campaña de mecenado para a investigación sobre a biopsia líquida. Con anterioridade ao comezo do partido, a Agrupación Norte 1941, integrada por afeccionados e Peñas do club granate, organizou unha 'sesión vermú' nos accesos da bancada de Tribuna, onde un elevado número de seguidores gozaron dun 'pulpeiro', comida e bebidas ademais de xogos e inchables para os máis pequenos.
Relacionadas:
-
A temperá expulsión de Miguel lastra a un bo Pontevedra que merece máis ante Osasuna B (2-1)
Por Redacción |
-
A cuarta seguida pasa por Pamplona
Por Diego Espiño |
-
Mario Barco, aliviado tras descartarse unha lesión muscular de importancia
Por Diego Espiño |
-
Con todo o plantel 'enchufado' para recibir ao Valladolid B
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, ante unha xornada clave
Por Diego Espiño |
-
Kevin Presa e Jacobo Millán, entre algodóns
Por Diego Espiño |
-
Gol de ouro de Mario Barco para tombar ao Lealtad (0-1) no último suspiro
Por Diego Espiño |
-
Unha 'sesión vermú' amenizará a previa do partido entre Pontevedra e Valladolid B
Por Redacción |
-
Apoio do Pontevedra á campaña de mecenado para a investigación sobre a biopsia líquida
Por Redacción |