O deporte pontevedrés súmase ao San Patricio do Mareantes
Por Diego Espiño
O Mareantes Rugby Club ultima os preparativos para unha nova edición do seu San Patricio, a sétima xa, nunha iniciativa coa que pretende recadar fondos para afrontar os gastos da tempada e cadrar o seu orzamento.
Para promocionar o evento a nova directiva do club propúxose involucrar a deportistas e clubs da cidade, coa intención de que participen ademais dos festexos.
Así, deportistas e clubs doutras disciplinas deportivas como a loita olímpica, natación sincronizada, fútbol sala, atletismo ou balonmán, entre outros, fotografáronse coa camiseta do Mareantes e portando carteis cos 'hastag' #SanPatricio2017 e #MareantesRugby.
A sétima edición de San Patricio celebrarase, como é xa costume, cunha carpa situada na Praza de España desde o vindeiro mércores 15 de marzo e que permanecerá aberta ao público ata o domingo 19 de 12:00 a 00:00 horas.
DERBI PONTEVEDRÉS PARA PECHAR A TEMPADA REGULAR
Antes de centrarse no San Patricio, o Mareantes afrontará este sábado (16:00 horas) no campo de Monte Porreiro, o último partido da tempada regular co sempre esperado derbi local ante o Pontevedra Rugby Club.
Será un partido importante para o Mareantes, que en caso de derrota podería caer á praza de promoción pola permanencia. Pola súa banda o Pontevedra Rugby Club, clasificado xa para o play-off polo título no cuarto posto provisional, ten a opción de adiantar algún posto na táboa para evitar na semifinal ao intratable CR Ferrol.
Relacionadas:
-
A fin de semana 'pinta' animada no San Patricio
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Un pulpeiro, novo atractivo gastronómico da Festa de San Patricio do Mareantes Rugby Club
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PRC leva o último derbi da tempada ante o Mareantes (17-29)
Por Redacción |
-
Pecha o San Patricio con aumento da participación