Vibrante #DerbiDoLérez que puido gañar calquera e termina con xusto empate entre Cisne e Teucro (28-28)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Un tempo para cada equipo e xusto empate entre Cisne e Teucro. Mellor os de Quique Domínguez na primeira parte e comezos da segunda, pero meritoria remontada do Cisne, que chegou a ir cinco goles abaixo, para dar paso a un final intenso e apaixonante, como case sempre que se enfrontan ambos, ante un ambiente sensacional de paixón, cada un polas súas cores, pero de absoluta deportividade e respecto.
O segredo mellor gardado da semana previa na que tanto se falou deste #DerbiDoLérez, quedou ao descuberto pouco antes de saír ambos os equipos para efectuar o seu quecemento e non gardaba boas noticias para os seguidores do equipo que actuaba como local, o Cisne, que perdía á súa xogador "franquía" e máximo goleador, David Chapela, pesadelo teucrista no partido da primeira volta, no que anotou 10 goles.
O lateral branco non puido recuperarse a tempo dun golpe nun ollo sufrido na anterior xornada en Bordils, ao que en principio non se lle deu importancia, pero que terminou cun perigoso derrame interno que obrigou ao lateral a gardar repouso absoluto durante toda a semana. No Cisne sabían que a posibilidade de que Chapela chegase a tempo para este partido era, máis que remota, absolutamente imposible, pero aínda así optaron por manter un absoluto segredo, xa que non era cuestión de dar pistas ao rival.
O certo é que sen o seu principal brazo e moitas veces referencia ofensiva, os de Jabato buscaron resposta para facer dano á defensa azul, con múltiples cambios de homes e posicións na primeira liña, e aínda que lles custou atopárona, especialmente na segunda parte, despois dunha primeira na que o Teucro levou as rendas, conseguindo irse ao descanso tres arriba no marcador (12-15).
Os visitantes leran mellor a defensa branca, aberta en primeiro lugar, buscando a conexión co pivote, onde Samu Gómez estivo impecable, obligándo ao Cisne para volver ao 6-0 defensivo, que tampouco lles deu demasiada seguridade, aínda que se mantivo no partido por un de novo inspirado Toño Lafuente.
Foron uns primeiros 30 minutos típicos dun derbi, aínda que o Teucro deu case sempre unha lixeira sensación de superioridade e de estar máis asentado, menos nervioso na pista que un Cisne incapaz de atopar a conexión ofensiva coa súa segunda liña.
Se a primeira parte terminou cun lanzamento de sete metros transformado por Carlos García, a segunda comezou case do mesmo xeito, con outro penalti que nesta ocasión marcou Daní Hernández, para poñer a máxima diferenza (12-16), ampliada por Borja Méndez no seguinte ataque. Apenas transcorreran dous minutos da continuación e o Teucro escapábase.
Pero o que parecía definitivo non resultou así. Coma se o liberaran de responsabilidades e complexos, ao verse con case todo perdido reaccionou o Cisne cun parcial de 3-0, cortado por Carlos García, o que non evitou que Álex Chan puxese aos seus a só un gol (17-18), aproveitando dous erros en ataque de García Pichel. Mesmo puido neutralizar a diferenza o equipo branco, pero Carlos Pombo precipitouse no lanzamento.
Agora era o Cisne quen tiña as ideas máis claras e o mesmo Carlos Pombo, a porta baleira, subía o 19-19 ao marcador (minuto 40). O Teucro deixara escapar nun amén unha vantaxe de cinco goles, o que obrigaba a Quique Domínguez a pedir tempo morto.
O Teucro entrou nunha profunda fochanca. Espeso en ataque, o seu defensa era agora unha coadeira, tanto que os de Jabato lograron remontar e poñerse por diante despois de moitos minutos.
Quique Domínguez quixo solucionalo atacando con sete. Nin así. Álex Chan fixo subir o 23-21 ao marcador, acendendo todas as alarmas no bando visitante, que de novo tivo que pedir tempo morto para aclarar ideas (minuto 47). A solución foi situar ao seu equipo en 5-1 defensivo, con Pedreira como avanzado. Melloraron as cousas ata que Carlos García devolvía a igualdade ao marcador (27-27) e Borja Méndez adiantaba ao Teucro.
Quedaban tres minutos de máxima tensión e igualdade. García Lloria detivo o lanzamento de Andrés Sánchez, pero Edu Moledo non acertou a bater a un extraordinario Toño Lafuente, nun man a man que puido decidir o partido.
Pablo Gayoso poñía de novo o marcador en empate (28-28). O Teucro dispuxo de 40 segundos para levar a vitoria, pero de novo apareceu Toño Lafuente para neutralizar o lanzamento de García Pichel. Por primeira vez nas seis ocasiones en que ambos os equipos enfrontáronse en partido de liga, o Cisne conseguía puntuar. Fíxoo con absoluta xustiza, cando máis difícil parecía telo ante a baixa de David Chapela. A súa afección, máis numerosa nesta ocasión, ou polo menos máis ruidosa, celebrouno coma se dunha vitoria tratásese.
BM CISNE (28): Toño Lafuente; Adrián Menduiña (4, 1 de penalti), Xosé Canedo (1), Álex Chan (4), Javi Vázquez (1, de penalti), Carlos Pombo (5), Iago Cuadrado -sete inicial-, Pablo Galán (p.s.); Pablo Picallo (3), Andrés Sánchez (3), Miguel Simón, Pablo Rey, Pablo Gayoso (5), Pepe Camiña, Alejandro Conde e Guille Rial (2).
SD TEUCRO (28): Javi Santana; Johnny Medina (1), García Pichel (2), Quintas (2), Borja Méndez (4), Dani Hernández (4, 1 de penalti), Edu Moledo (4) -sete inicial-, García Lloria (p.s.); Óscar Silva (2), Iván Fernández (1), Samu Gómez (4), Carlos García (4, 3 de penalti), Román Pedreira, Sergio Altirriba, Saúl Campo e Iglesias.
Árbitros: Juan Pablo Visciarelli Lareo e Roberto Carlos Mendoza Roldán (Andalucía). Excluíron dous minutos a Xosé Canedo, Andrés Sánchez e Miguel Simón, polo Cisne, e a Quintas e Johnny Medina, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 3-5, 4-7, 6-9, 9-12, 12-15 (descanso), 14-17, 17-19, 22-21, 24-23, 27-26 e 28-28 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 2.000 espectadores. Os equipos saltaron á pista levando entre eles a nenos das categorías inferiores que portaban as bandeiras de Galicia e de Pontevedra, interpretándose o himno galego antes de comezar. A Federación Galega de Balonmán rendeu homenaxe aos ex-xogadores Rafa Dasilva e Pablo Domínguez.
Relacionadas:
-
Medina ten roto o ligamento cruzado do seu xeonllo e di adeus á tempada
Por Diego Espiño |
-
Grave lesión de xeonllo de Johnny Medina na cómoda vitoria do Teucro sobre Gijón Jovellanos (36-25)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Un mal inicio do segundo tempo bota por terra o traballo do Cisne ante o Grupo Covadonga (30-23)
Por Redacción |
-
O Cisne visita ao Covadonga sen Chapela pero con ganas de "dar con la tecla" fóra da casa
Por Diego Espiño |
-
Carlos García e Samu Gómez, dúbida ata última hora no Teucro ante a visita do Xixón
Por Diego Espiño |
-
"As socias invitan" no Teucro-Gijón Jovellanos
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Cisne e Teucro prometen espectáculo no #DerbiDoLérez
Por Diego Espiño |
-
O Teucro perde en primeira instancia a demanda contra Asobal pero anuncia recurso
Por Redacción |
-
Quenta motores o #DerbiDoLérez entre Cisne e Teucro
Por Redacción |
-
Dúas fochas no seu xogo condenan o Cisne en Bordils (30-25)
Por Redacción |
-
Cando o Teucro púxose serio Zarautz desapareceu (28-24), nun partido para esquecer
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |