Non tivo rival o Arosa que logra unha cómoda vitoria (3-0) ante un Marín débil en defensa
Por Redacción
Cómoda vitoria do Arosa sobre un Marín necesitado de puntuar, o que lle levou a formular un partido atrevido, coa súa defensa moi adiantada, pero que cometeu importantes erros, pagando a súa ousadía cun rotundo 3-0 cando aínda non se cumprira a primeira hora de xogo.
O partido foi vistoso e entretido, con frecuentes chegadas ás dúas áreas. As esperanzas marinenses esfumáronse moi pronto, pois aos cinco minutos o Arosa conseguía o seu primeiro gol, por medio de Hugo, aproveitando un pase interior de Camiño. Os visitantes acusarían o gol, e aínda que deron un paso adiante, subindo aínda máis a súa liña defensiva, foi como unha especie de suicidio deportivo, xa que as facilidades da súa zaga eran aproveitadas polos de Piscis para xerar constante perigo.
Dúas ocasións de Hugo deixarían paso a remates de Martín, Camiño e Vixo, neutralizadas polo porteiro visitante. Pero o que non conseguiu o equipo local no primeiro período lograríao nada máis continuarse o choque con dous goles en cinco minutos. O segundo do partido tras un corner que remata de volea Camiño e o terceiro tres minutos despois, tamén tras o lanzamento doutro saque de esquina rematado de cabeza por Ríos.
Co partido resolto, a última media sobrou e o Arosa anotouse unha vitoria para seguir soñando coa remontada, mentres o Marín se afunde en posicións de descenso.
AROSA, S.C. (3): Jorge Pérez; Santi, Borja, Ríos (Roberto, min. 84), Martín, Rivas (Comesaña, min. 73), Vixo, Camiño (Pablo Barreiro, min. 79), Eloy (Julio Rei, min. 54), ÿscar e Hugo.
MARÍN, C.F. (0): Pablo; Javi, Agus, Manuel (Joaquín, min. 46), Edu (Romero, min. 32), Tinaia, Pibe (Borja, min. 40), Andrés, Vila (Docampo, min. 70), Miguel e Dani.
Árbitro: Fernández Lodeiro, auxiliado nas bandas por Sampedro Valiño e Maquieira Otero. Amoestou Martín, Rivas, Camiño, Pablo e Vila.
Goles: (1-0) Minuto 5: Hugo. (2-0) Minuto 55: Camiño. (3-0) Minuto 59: Ríos.
Incidencias: Campo Municipal de A Lomba (Vilagarcía). 350 espectadores.