Pontevedra B e Xuventú Sanxenxo empatan (1-1) nun partido moi disputado
Por Redacción
Cada un coas súas armas. A xuventude do Pontevedra fronte á experiencia do Sanxenxo. Os dous equipos protagonizaron un partido tenso e intenso, moi disputado, que rematou cun xusto reparto de puntos, quizais máis positivo para o cadro local, xa que lle permite manter distancias cos postos comprometidos, que para os visitantes, que se afastan das dúas primeiras prazas de ascenso directo.
O Pontevedra B formulou un partido serio, conseguindo neutralizar o perigo que xeraba a dianteira amarela. A primeira ocasión clara sería para os visitantes, pero Edu Sousa conseguiu mandar a corner o disparo afastado nun lanzamento de falta a cargo de Cuchi. A réplica daríana os granates en dous remates consecutivos de Pedro e de Paco que rematarían de forma moi parecida, co balón rozando o poste da portaría visitante.
Pouco despois os granates se adiantaban no marcador tras un envío en longo da defensa local cara a Diego, este marcha en velocidade e serve para Víctor que salva con habilidade a saída do meta visitante.
O Sanxenxo empataría xusto antes de finalizar o primeiro período, cando Zalo saca unha falta dende o centro do campo e Diego Blanco remata batendo a Edu Sousa.
A segunda parte estivo marcada pola igualdade, cunha dura loita no centro do campo, pero sen ocasións claras de perigo, salvo un remate de cabeza de Deivi que se estrelou no poste.
PONTEVEDRA "B" (1): Edu Sousa; Uru, Alves, Cristóbal, Anxo, Héctor, Víctor (Chicho, minuto 85), Paco (Portu, minuto 87), Diego, Pedro (Pingui, minuto 70) e David Eirín (Cana, minuto 56).
XUVENTÿ SANXENXO (1): Vladimir; Minso (Darío, minuto70), Fiti, Zalo (Deivi, minuto 45), Alfonso, Javi, Diego Blanco, Suso, Cuchi, Nel (Álex, minuto 63) e Curri.
Árbitro: Pérez Martínez. Amoestou a Edu Sousa, Uru, Cristóbal, Héctor, Pingui, Minso, Zalo, Cuchi e Álex.
Goles: (1-0) Minuto 34: Víctor. (1-1) Minuto 44: Diego Blanco.
Incidencias: Sintético de A Xunqueira. 150 espectadores.