Convincente vitoria do Teucro (31-37) en Barakaldo tras un partido vibrante en ataque
Por Redacción
Segue crecendo o Teucro. Nunha pista sempre complicada como a de Barakaldo, o conxunto azul soubo sobrepoñerse a un comezo complicado, especialmente cun par de exclusións máis que discutibles, que permitiron ao conxunto vasco tomar a dianteira. Foi un espellismo. Este Teucro xa ten unha elevada dose de confianza en si mesmo. Os seus xogadores saben que o equipo está antes que as individualidades, e apoiados nese labor de conxunto lograron unha importante vitoria (31-37).
Comezou o partido con igualdade total no marcador. Coma se dun combate de boxeo se tratase os dous equipos parecían estudarse antes de lanzarse sobre o rival, pero esa igualdade rompe a partir do minuto 10, cando o Teucro sofre dúas exclusións nun minuto e logo unha máis ata quedarse con só tres xogadores en pista máis o porteiro. O Barakaldo aproveita a superioridade en pista para lograr unha máxima renda de cinco goles. Reaccionan os pontevedreses que recortan distancias tras un tempo morto de Javier Barrios. Aínda así o conxunto local consegue manter a dianteira, pero a partir do minuto 20 xa só habería un claro dominador do partido.
Os pontevedreses marchaban ao descanso cunha mínima renda, pero cunhas sensacións moi positivas que falaban da súa superioridade. A pesar de que o Barakaldo intentou resistirse, as ilusións levárono ata o minuto 40 de partido. Os de Javier Barrios apertaron o acelerador e marcharon de catro goles, distancia que xa sería insalvable e que mesmo se iría aumentando paulatinamente.
A loucura atacante da segunda parte levou a anotar nove goles en menos de cinco minutos entre os dous equipos
Tratando de esgotar opcións, os vascos meteron o partido nunha especie de loucura atacante, pero tamén no intercambio de golpes (nove goles en só cinco minutos, do 50 ao 55) foi moi superior o Teucro, que rematou o partido coa máxima renda e unha vitoria merecida, para seguir soñando co play-off.
CALMEC BARAKALDO (31): Gontzal Aurrekoetxea; Fernando Martinez, Borja Lucas, Unai Portuondo (1), Endika Sarasola (3), Lander Borda (2), Xabier Bordegarai (1), Arkaitz Piriz (6), Iker Momeñe (1), Jaito (3), Mikel Macías (1), Oier García (3), Jon 'Txiki' (10) e Jon Urretxa (p.s.).
S.D. TEUCRO (37): Juan Bar; Aarón Vidal, Toño Fernández (9), Alex Pombo, David Chapela (3), Miguel Porto (2), Tomás Moreira (5), José Manuel Rial (1), Didac Villar (4, 2 de penalti), Carlos García (7), Borja Pedreira (3), Siscu (3), Miguel Sío e Tomás Dobarro (p.s.).
Árbitros: José Molina Baena e Francisco Molina Baena (Andalucía). Excluiron por dous minutos a Unai Portuondo, Endika Sarasola, Lander Borda, Arkaitz Piriz, Oier García, Toño Fernández (2), Miguel Porto (2), Didac Villar, Carlos García, Borja Pedreira e Miguel Sío.
Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 4-4, 9-6, 12-9, 13-13, 16-17 (descanso), 19-20, 20-22, 22-26, 24-29, 28-34 y 31-37 (final).
Incidencias: Polideportivo Municipal de Lasesarre (Barakaldo). Uns 200 espectadores.