O CGTD acollerá esta tempada un circuíto de atletismo en pista
Por Redacción
Dúas décadas despois Pontevedra volverá contar cun circuíto de atletismo en pista.
Atletismo Rías Baixas, coa colaboración de Concello de Pontevedra e Federación Galega de Atletismo, impulsa este novo proxecto, que contará cun mínimo de seis xornadas de competición repartidas ao longo da tempada deportiva.
Todas elas terán como escenario o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, terminando o 27 de xullo coa que será a segunda Festa do Atletismo Galego.
A primeira das xornadas terá lugar este sábado 11 de febreiro, de 10:15 a 13:45 horas, cunha alta inscrición de atletas que en moitos casos gozarán da última oportunidade de lograr as marcas mínimas necesarias para participar nos campionatos de España en pista cuberta.