O Marcón ve freado o seu bo momento no Grove e o Pontevedra B salva un punto en Ponteareas
Por Redacción
Afástase o liderado para o Marcón Atlético, que viu freado o seu bo momento de xogo e resultados no campo do Amanecer (3-2).
Os pontevedreses a pesar da súa derrota mantéñense na segunda praza da Primeira Rexional, pero agora a 4 puntos do Beluso.
O partido púxose a favor do Marcón pouco antes da media hora cun gol de Berto, pero os locais igualaron pouco despois.
Xa na segunda metade o partido podía caer de calquera lado, e primou o acerto do Amanecer, con dous goles no 71 e 84 que sentenciaron o partido, porque os de Luís Oliveira só puideron recortar distancias no último minuto do tempo regulamentario cun penalti.
Consulta aquí o acta do Amanecer-Marcón Atlético.
Non termina de coller o impulso necesario para escapar da zona de descenso o Pontevedra B, que empatou na súa visita ao campo do Juvenil de Ponteareas (2-2).
Despois dunha igualada primeira metade, o filial adiantouse cun gol de Ramón aos 54 minutos, pero as cousas non son sinxelas para os de Tonete esta tempada, que viron como o seu rival remontaba pouco despois con dúas penas máximas.
Cando todo parecía perdido, a expulsión do local Iván aos 78 minutos achegou un impulso extra aos granates, que salvaron polo menos un punto no minuto 88 cun gol de Christopher.
O Pontevedra B co empate queda na décimo sexta praza con 21 puntos.