Empate que sabe a pouco do Cisne ante Alcobendas (28-28) nun partido eléctrico
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Tivo o Cisne nas súas mans a posibilidade de dar un golpe de efecto confirmando a súa candidatura ao play-off fronte a un rival directo como Alcobendas, pero non soubo aproveitar as súas oportunidades, permitindo o empate dos madrileños nos últimos minutos, despois de mandar no marcador durante a maior parte dun partido eléctrico, intenso e emocionante, que deixou as cousas como estaban e todo por decidir.
Enfrontábanse posiblemente os dous equipos que máis se parecen na súa proposta deportiva e no seu desenvolvemento sobre a pista. Transicións de vertixe, ataques curtos e esixente despregamento físico. A consecuencia natural é o sufrimento defensivo e o continuo intercambio de golpes. Nese escenario o Cisne atopouse co seu hábitat natural, levando o temón e realizando unha excelente primeira parte, pero, como logo sucedería nos últimos ataques, fallando na xestión dos últimos cinco minutos, nos que deu vida ao seu rival.
Porque a aparente igualdade sobre a pista rompeu a partir do ecuador do primeiro tempo. O Cisne lograba unha primeira vantaxe importante (13-9) que ampliaría a catro goles en varias ocasións, ata chegar con 16-12 aos últimos cinco minutos e dispoñer de catro ataques para amplicar a renda a cinco. Non os aproveitou e Alcobendas soubo xestionar eses últimos minutos para irse con vida ao descanso (16-14).
O bo traballo do primeiro tempo non tivo continuidade ao comezo do segundo. O técnico madrileño daría entrada baixo paus ao exteucrista Andrés Delgado, que acabaría sendo determinante para os seus. A pesar de todo o Cisne seguía mandando, aínda que agora as diferenzas eran mínimas, ata que un parcial de 1-5 fixo que o marcador pasase do 21-18 a un inquietante 22-23 (minuto 44).
Jabato pediu tempo morto e pareceu arranxar a cousa. Os brancos volvían poñerse por diante, a pesar da mixta ordenada polo técnico visitante sobre David Chapela. Iago Cuadrado recuperaba a vantaxe de dous goles (27-25) e Toño Lafuente realizaba unha gran parada para darlle a opción aos seus de irse de tres e sentenciar o partido a falta de pouco máis de seis minutos, pero Chapela lanzaba ao traveseiro e Alcobendas de novo xestionaba mellor eses minutos decisivos.
Manu Catalina tirou dos seus, aínda que o marcador seguía sendo favorable ao Cisne (28-26) con pouco máis de tres minutos por xogar. Catalina reduciu a falta de 1'30". Andrés Delgado paraba o lanzamento de Chapela e de novo Catalina empataba (28-28). Quedaban só sete segundos. Jabato pediu rapidamente tempo morto, pero Alcobendas defendeu ben e Andrés Delgado parou o lanzamento moi forzado de Guille Rial, sobre a bucina, para certificar un empate celebrado polos madrileños como unha auténtica vitoria.
BM CISNE (28): Toño Lafuente; Adrián Menduiña (2), Álex Chan (3), Javi Vázquez (3, 1 de penalti), Carlos Pombo (1), Iago Cuadrado (4), David Chapela (5) -sete inicial-, Pablo Galán (p.s.); Xosé Canedo (1), Pablo Picallo (1), Andrés Sánchez (4), Miguel Simón, Pablo Rey, Pablo Gayoso, Alejandro Conde e Guille Rial (4).
BM ALCOBENDAS (28): Lolo; Santi (4), Roberto (1), Sergio García, Nacho (5, 2 de penalti), Martí (5), Asier (2) -sete inicial-, Andrés Delgado (p.s.); Manu Catalina (7), Alberto (3), Gonzalo, Toni, Sebas (1) e Dani Tolmos.
Árbitros: Eric García San Martín e José María Roy Añón (Navarra). Excluíron dous minutos a Miguel Simón, Carlos Pombo (2) e Iago Cuadrado, polo Cisne, e a Manu Catalina, Sergio García e Sebas, polo Alcobendas.
Marcador (cada cinco minutos): 5-3, 7-6, 9-8, 13-9, 16-12, 16-14 (descanso), 18-17, 21-19, 22-23, 25-24, 27-26 e 28-28 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
"Por min e por todos os meus compañeiros". O Cisne vence a Palma del Río (20-17) e fai despegar ao Teucro
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne pon a proba a súa fortaleza como local ante o Palma del Río
Por Redacción |
-
Mal día do Cisne, incapaz de inquietar un Barcelona B moi superior (37-30)
Por Redacción |
-
Esixente exame en Barcelona para o Cisne
Por Redacción |
-
Alarcos Ciudad Real imponse ao Cisne (32-28) e aperta a loita polo play-off
Por Redacción |
-
O Cisne dáse licenza para soñar na súa complicada saída a Cidade Real
Por Redacción |
-
Sen necesidade de empregarse a fondo o Cisne supera con claridade a Cajasur Córdoba (32-21)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |